Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

INFRAESTRUTURAS

Máis de dous millóns de euros para humanizar a travesía de Carballo

A Xunta de Galicia aportará o 70% do investimento

Plano dos tramos que serán humanizados na travesía de Carballo.

Plano dos tramos que serán humanizados na travesía de Carballo. / X. G.

Carballo

O Consello da Xunta autorizou a sinatura do convenio de colaboración entre a Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas e o Concello de Carballo, para o financiamento da humanización e mellora da avenida de Fisterra, que suporá un investimento que supera os 2 M€.

A través da actuación obxecto deste acordo, a Xunta ten como obxectivo apoiar ao Concello no impulso das obras necesarias no treito desta travesía da estrada autonómica AC-552, entre a rúa Río Anllóns (quilómetro 31+930) e a rúa A Revolta (32+640), coa finalidade última de satisfacer as necesidades de todos os usuarios, os condutores e os peóns, «coa creación dun espazo máis versátil e seguro», afirman.

Tamén, neste mesmo convenio, inclúese o cambio de titularidade en favor do Concello de Carballo do dominio público viario asociado a este treito da AC-552, entre os puntos quilométricos 31+900 e o 32+920.

O Goberno galego contribuirá á financiación das intervencións coa achega do 70 % da execución das obras, é dicir, máis de 1.4 M€. Tamén A Xunta, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, tramitará o expediente de cambio de titularidade do dominio público viario do tramo da AC-552.

Pola súa banda, o Concello de Carballo asumirá o 30 % do investimento restante, preto de 613.000 euros, así como a redacción do proxecto das obras, e a execución das mesmas. Previamente á adxudicación dos traballos, deberá tramitarse o expediente de cambio de titularidade.

A sinatura deste convenio, que terá vixencia ata o ano 2028, xa supón o acordo entre ámbalas dúas administracións para a tramitación do expediente de cambio de titularidade. A correspondente acta de entrega será asinada antes do inicio da execución das obras.

Máis de 700 metros

En concreto, as actuacións desenvolveranse en algo máis de 700 metros de lonxitude entre a rúa Río Anllóns e a Revolta, e divídense en dous tramos: un de carácter urbano de 483 m entre as rúas Río Anllóns e a Avenida da Milagrosa, e outro de carácter periurbano, de 227 m entre a Avenida da Milagrosa e A Revolta.

Nos dous treitos renovaranse os servizos urbanos subterráneos: saneamento, electricidade e comunicacións e recolocaranse as columnas de alumeado no seu novo emprazamento. Tamén se dotaran os espazos de mobiliario urbano, plantarase céspede e árbores nas zonas axardinadas.

O Goberno galego tamén colaborará na mellora da eficiencia dos servizos urbanos, que nesta obra suporán o 35 % do seu custo.

A ampliación do polígono de Bértoa comezará no 2027

O Consello da Xunta tamén tomou razón dos avances na tramitación do proxecto de ampliación do parque empresarial de Bértoa (Carballo), e dá un paso máis co inicio da tramitación do Proxecto de desenvolvemento urbanístico (PDU).

Ademais, o proxecto someterase a avaliación de impacto ambiental, e a Consellería de Medio Ambiente deberá emitir un informe preceptivo no prazo de 3 meses para a súa aprobación inicial no primeiro trimestre do ano 2026.

Unha vez que o PDU sexa aprobado definitivamente, o Goberno galego poderá licitar as obras de ampliación, previstas para principios de 2027. O prazo de finalización estimado é de 18 meses.

Tracking Pixel Contents