Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

PATRIMONIO

A Xunta licita as obras de restauración do cruceiro e a torre da igrexa de Laxe

O investimento previsto ascende a 170.000 euros

Cruceiro e igrexa de Santa María da Atalaia de Laxe.

Cruceiro e igrexa de Santa María da Atalaia de Laxe. / Turismo de Galicia

Laxe

A Xunta licitou o proxecto básico de execución da restauración da igrexa de Santa María da Atalaia, de Laxe, na que se prevé investir 170.000 euros. Xa comezaron as primeiras actuacións para a recuperación do cruceiro e da cruz do testeiro, por valor de máis de 5.000 €.

Deste xeito, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude cumpre coa conservación dos ben patrimoniais do Concello de Laxe. Este Ben de Interese Cultural é un dos edificios relixiosos medievais senlleiros da Costa da Morte, adscrito ao gótico mariñeiro ou tamén denominado galego.

En concreto, as intervencións que se prevén realizar na igrexa estarán centradas sobre todo en resolver os danos que se teñen detectado tanto na torre, así como en determinados elementos escultóricos pétreos da fachada e do interior do edificio, ao igual que tamén se ten prevista a restauración do fresco de San Domingo de Guzmán.

En todo caso, o departamento de Cultura do Goberno galego xa ten en marcha as obras para recuperar o cruceiro, tras a aparición de gretas de relevancia, e tamén dunha das dúas cruces do testeiro, que sufriu danos tras o impacto da caída desde a cimeira da súa estrutura. Para estas dúas intervencións concretas a Administración autonómica destina máis de 5.000 euros.

Tracking Pixel Contents