Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

LETRAS GALEGAS

A Real Academia Galega ponlle o ramo en Muxía ao ano das cantareiras

Organiza o sábado un simposio no Parador Costa da Morte

Doroté Schubarth con Elisa e Delfina.

Doroté Schubarth con Elisa e Delfina. / Antonio Santamarina

Muxía

O Parador de Muxía acolle este sábado o Simposio das Letras Galegas que organiza a Real Academia Galega para lle poñer o ramo ao ano que lles dedicou ás cantareiras e á poesía popular oral. Repensar a tradición desde o xénero e a clase social é unha das propostas deste encontro que levará a RAG á localidade natal de Eva Castiñeira, unha das sete mulleres nas que personificou unha celebración cun éxito sen precedentes.

A xornada, aberta a todo o público, abordará ademais cuestións como o papel que tiveron os colectores do folclore galego, o aproveitamento do cantigueiro como recurso didáctico e o que este representa «como espello da vida material e espiritual do pobo galego».

Eva Castiñeira, cantareira de Muxía.

Eva Castiñeira, cantareira de Muxía. / Pablo Quintana

Os académicos Antón Santamarina, Víctor F. Freixanes e María López-Sández coorganizan o programa. O primeiro relatorio será o da etnomusicóloga Xulia Feixoo, titulado O ronsel do cantigueiro. Perspectivas etnomusicolóxicas sobre as ensinanzas das cantareiras galegas. Deseguido intervirá o musicólogo Sergio de la Ossa con Letra en música: o cancioneiro popular galego; e a profesora e intérprete de música tradicional Branca Villares e o investigador Domingo Blanco compartirán a mesa redonda Pensar a tradición desde o xénero e a clase social con Xulia Feixoo e mais Antón Santamarina, como moderador.

O encontro continuará ás 16.30 horas co mestre estudoso dos cancioneiros Manuel Rico Verea, que impartirá a conferencia Os avatares de nove melodías tradicionais, unha achega na que ofrecerá unha ollada á edición dos cancioneiros populares desde Marcial del Adalid ata chegar ao traballo de Schubarth e Santamarina. Ás 18.00 horas dará comezo a segunda mesa redonda do día, que contará co músico Xabier Díaz, o tamén músico e neto e sobriño neto das homenaxeadas de Cerceda Rosa e Adolfina Casás Rama, Richi Casás; e mais Isabel Vigo, técnica do Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade do Museo do Pobo Galego. Xuntos farán balance destas Letras Galegas e reflexionarán sobre as perspectivas de futuro da tradición, nun diálogo que dirixirá a académica Ana Boullón, impulsora da candidatura das cantareiras.

O simposio concluirá cunha actuación musical da A.C. Abaladeiras de Muxía, unha das moitas asociacións do país que son parte dunha “efervescencia cultural vinculada á lingua galega e á tradición moi potente” que contribuíu ao “grande impacto social e popular” deste 17 de maio, recoñece María López-Sández. “Cremos que a Academia non se trabucou na escolla, pois nunca unha celebración das Letras Galegas, e son testemuña das cincuenta e tres edicións, tivo unha resposta popular como a deste 2025”, engade o académico Antón Santamarina.

Tracking Pixel Contents