Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

PATRIMONIO

Vimianzo pon en valor o histórico Muíño de Mareas de Cereixo

Habilitouse un espazo de observación paisaxística e ambiental

Autoridades e veciños percorreron o novo acceso ao Muíño de Mareas.

Autoridades e veciños percorreron o novo acceso ao Muíño de Mareas. / C. Vimianzo

Vimianzo

A delegada da Xunta, Belén do Campo, participou, xunto coa alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez, na inauguración oficial do novo acceso ao Muíño de Mareas de Cereixo, financiado a través das Estratexias de Desenvolvemento Local do GALP Costa da Morte.

A iniciativa contou cunha axuda de máis de 157.000 euros da Consellería do Mar a través do GALP. A intervención permitiu mellorar o acceso ao histórico Muíño de Mareas, habilitar un espazo de observación paisaxística e ambiental, e crear un itinerario sostible, accesible e integrador que conecta co paseo existente na contorna.

Do Campo destacou que esta actuación «pon en valor un enclave de alto interese natural, cultural e etnográfico, reforzando a relación de Cereixo co mar e contribuíndo á difusión da súa riqueza ambiental e histórica». A senda servirá ademais como infraestrutura de apoio para actividades de educación ambiental, sensibilización sobre cambio climático e promoción da economía azul.

A alcaldesa e a delegada da Xunta, no centro, no acto inaugural.

A alcaldesa e a delegada da Xunta, no centro, no acto inaugural. / C. Vimianzo

Lembrou que este non é o único proxecto recentemente apoiado pola Xunta nesta contorna. O ano pasado inaugurouse o Miradoiro do Forno do Sapo, tamén en Cereixo. O proxecto incluíu accións divulgativas como un panel interpretativo con código QR, guías didácticas e obradoiros.

O acto comezou cun paseo polo viario no que as persoas participantes puideron coñecer a historia e patrimonio de Cereixo, facendo paradas nas que se explicaron numerosas curiosidades sobre o lugar. Ao final do percorrido, na igrexa de Santiago, tivo lugar a proxección do vídeo As mulleres e o mar en Cereixo, no que se pon en valor o papel das mulleres historicamente ligadas ao mar nesta parroquia, deixando ver os seus labores e a súa forma de vida.

A alcaldesa, Mónica Rodríguez, destacou a relevancia dos traballos. "Non teño ningunha dúbida de que suman valor a un espazo cun encanto e historia xa de por si única. Recuperamos o acceso, melloramos a seguridade e habilitamos un espazo de encontro que enriquece a experiencia de quen se achega a contemplar a illa do Forno do Sapo" e asegurou que os traballos permiten "ofrecer un percorrido seguro e accesible para todas as persoas que queiran descubrir a nosa riqueza patrimonial".

Tracking Pixel Contents