Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Val do Dubra sela un pacto de futuro coa defensa de nenos e nenas: «Son esenciais na vida do concello»

Máis de 200 rapaces de Infantil, Primaria e Secundaria asisten á entrañable gala coa que o municipio celebrou o Día Mundial da Infancia

O alcalde Diego Luís Díaz e a concelleira Celsa Oreiro coa rapazada e profesorado que participou na gala de onte

O alcalde Diego Luís Díaz e a concelleira Celsa Oreiro coa rapazada e profesorado que participou na gala de onte / CEDIDA

Susana López Carbia

Susana López Carbia

Val do Dubra

O Concello de Val do Dubra visibilizou onte o seu compromiso cos dereitos dos nenos e as nenas nunha amena gala coa que a cativada dubresa celebrou o Día Mundial da Infancia.

Uns 240 rapaces e rapazas de Infantil, Primaria e Secundaria déronse cita no auditorio municipal, en dúas quendas por razóns de espazo, para gozar dun acto preparado con agarimo polos rapaces e as rapazas que integran o Consello Local da Infancia ou, como se fan chamar, As Telliñas Dubresas, nome que elixiron en lembranza da antiga telleira local.

Xunto a eles, alumnos e alumnas da Escola Municipal de Música e os seus profesores Mónica e Javier que, malia ter o día libre, non dubidaron en acompañar os rapaces cos seus instrumentos.

A gala chegaba cinco meses despois da aprobación en sesión plenaria do I Plan de Infancia e Adolescencia 2025-2029, unha folla de ruta que marca o compromiso do Concello de Val do Dubra coa defensa dos dereitos da infancia e adolescencia.

Un momento da gala celebrada no auditorio municipal de Val do Dubra, conducida pola rapazada das Telliñas Dubresas e na que actuou alumnado e profesorado da Escola Municipal de Música

Un momento da gala celebrada no auditorio municipal de Val do Dubra, conducida pola rapazada das Telliñas Dubresas e na que actuou alumnado e profesorado da Escola Municipal de Música / CEDIDA

«A rapazada é parte esencial da vida do concello», destacou o alcalde, Diego Luís Díaz, quen participou no acto xunto coa concelleira Celsa Oreiro. Ambos os dous subliñaron a necesidade, e a intención do Goberno local, de poñer a rapazada e a mocidade no centro das políticas públicas.

«Aproveitamos este día para facer público este compromiso ante a sociedade», salientou a edil.

A ese compromiso, como apuntou o rexedor, súmase a defensa dos dereitos dos nenos e nenas de todo o mundo e, especialmente, daqueles que viven en lugares onde hai conflitos bélicos, como Gaza. Xunto coa aprobación do Plan de Infancia e Adolescencia, o Concello presentou a súa candidatura para optar ao recoñecemento de Cidade Amiga da Infancia de Unicef, e está á espera da resposta á súa solicitude, que o alcalde confía sexa positiva.

Hadriana: «Nós tamén somos importantes»

«Estamos moi contentos», dicían os rapaces e rapazas ao remate dunha gala na que todo saíu segundo o previsto. «Nós tamén somos importantes e queremos que as nosas propostas sexan tidas en conta e poidamos escoller tamén o que queremos», apuntaba Hadriana, unha das Telliñas Dubresas, estudante de 6º de Primaria.

Luís, esq., Noa, Hadriana, Jadel e Lois, ao remate da gala

Luís, esq., Noa, Hadriana, Jadel e Lois, ao remate da gala / CEDIDA

Tras o éxito acadado na gala de onte, o Consello Local da Infancia vive hoxe outra xornada moi especial, xa que asiste ao XIII Foro de Participación Infantil e Adolescente que se celebra no Parlamento de Galicia.

Entre as peticións que os nenos e nenas dubreses lle fan aos seus gobernantes están a mellora do transporte entre parroquias e o centro urbano; a ampliación de marquesiñas e pasos de peóns; a limpeza e mellora do mantemento dos aseos públicos e do pavillón; a restauración de espazos públicos como a ponte do parque da piscina; a instalación de barandas en zonas perigosas; a mellora da comida nos comedores escolares; un sistema dixital de suxestións cidadás; e aumentar a programación cultural e deportiva para a mocidade.

Tracking Pixel Contents