Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Galetiktokers: a receita de Ames para impulsar o galego nas redes

Os máis de medio cento de vídeos presentados confirman a consolidación do certame

Blas García: «Ninguén debe ter vergoña por crear contido na nosa lingua»

Fotografía de familia dos creadores premiados no certame Galetiktokers 2025

Fotografía de familia dos creadores premiados no certame Galetiktokers 2025 / CEDIDA

Susana López Carbia

Susana López Carbia

Ames

Nun auditorio ateigado de público, e sobre todo de mozas e mozos, o Concello de Ames entregou onte, na Casa da Cultura de Bertamiráns, os premios da sexta edición do certame Galetiktokers, co que fundamentalmente se busca fomentar o uso do galego nas redes sociais.

Os vídeos premiados foron De onde veñen as cantigas?, A velada dos instrumentos, Pena da Moura, Ata os monstros falan (e cantan!) en galego, Dúas cousas poden acontecer e Patricio, que se foron proxectando ao longo da gala, xunto coas demais propostas finalistas. A elevada participación, con 56 vídeos presentados, fronte aos 39 do ano pasado, demostra a consolidación dun certame no que, en total, tomaron parte máis dun cento de mozos e mozas de Ames e doutras localidades galegas.

En total, como destacou na gala a presentadora, a actriz Carlota Mosquera, eses 56 vídeos sumaron 20.970 gústame e máis de 500.000 visualizacións. No evento non faltou a música, a cargo do grupo Sacha na Horta, que se gañou o publico coa súa «agro-punkchanga» e as súas reivindicativas letras en galego.

Un momento da actuación do grupo Sacha na Horta

Un momento da actuación do grupo Sacha na Horta / CEDIDA

Subir contido en galego é «facer país»

Na gala interveu tamén o alcalde de Ames, que é tamén responsable do departamento de Normalización Lingüística. Blas García presentou o Galetiktokers como «unha ferramenta máis para defender a nosa lingua». «É importante que se vexa que en galego podes perfectamente crear contidos nas redes. Ninguén debe ter vergoña por crear contidos en galego», engadiu. Cada vez que alguén sobe un vídeo en galego ao TikTok, lembrou o rexedor, tamén está «facendo país» e deixando unha «semente» para as vindeiras xeracións.

Cada un dos vídeos gañadores recibiu un premio de 300 euros, o que suma un total de 1.800 euros. Como en calquera cerimonia de distincións que se prece, os creadores tiveron ocasión de agradecer os premios —a profesora Marisiña foi das máis citadas— e non faltaron os vivas ao galego e ao tradi, como os que soaron na intervención de Martín Vázquez Pérez, premiado xunto con Irene Vázquez Calviño e María Mato Vilar pola peza De onde veñen as cantigas? Un vídeo de coidada montaxe no que os seus protagonistas chegaron a visitar as coñecidas pandeireteiras de Anxeriz. Destaca tamén a peza Pena da Moura, de Candela Lola Battiato Miñones, polo seu contido divulgativo, calidade lingüística e edición.

Tracking Pixel Contents