Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Medio século ‘Botando raíces’ en Cee

O IES Agra de Raíces conmemorou o 50 anivesario cunha publicación que recolle a historia do instituto a través da creatividade das súas voces máis próximas

A acaldesa e o director do IES con parte dos autores que participaron na elaboración do libro.

A acaldesa e o director do IES con parte dos autores que participaron na elaboración do libro. / Cedida

Cee

Cincuenta anos de historia e de formación avalan o IES Agra de Raíces, de Cee, que segue a conmemorar o medio século de vida. Con tal motivo, o centro vén realizando diferentes actividades lúdico-culturais e, ademais, veu a luz o libro Botando raíces, unha publicación nacida non só para celebrar, senón tamén para documentar a historia do instituto a través da creatividade das súas voces máis próximas.

Botando raíces é, segundo subliñan os promotores, un proxecto literario e artístico que agrupa as contribucións de dezaoito creadores con vencellos co IES Agra de Raíces. O mencionado volume integra obras de expresión escrita e plástica de recoñecidos nomes da cultura galega, como Concha Blanco, María Canosa, Estevo Creus, María Lado, Miro Villar ou Rafa Villar, entre outros.

Na relación de autores figuran Darío Areas, Suso Bahamonde, Concha Blanco, Vicente Blanco, María Canosa, David Creus, Estevo Creus, Marina Gómez, Mónica Gómez, Xesús Iglesias, María Lado, Rocío Leira, Xosé Ricardo Losada, Antón Riveiro, Arthur Trillo, Miro Villar, Rafa Villar e Víctor Castiñeira.

A obra foi presentada na biblioteca do instituto, nun acto ao que se sumou a alcaldesa de Cee, Margot Lamela, quen asegurou sentir «un orgullo inmenso por poder participar non só como alcaldesa, senón tamén como exalumna deste centro, que marcou a miña vida e a de tantas persoas».

Referente humano

Lamela subliñou que dende outubro de 1973 o IES Agra de Raíces converteuse «nun verdadeiro referente educativo e humano para toda a comarca». Medio século, engadiu, «de aprendizaxe, convivencia e soños que naceron entre as paredes do noso querido instituto».

Aínda que cambiaron moitas cousas nestes cincuenta anos, Margot Lamela asegurou que «algo segue igual: a entrega do profesorado, a calidade humana e a vontade firme de educar para transformar».

Educación pública

Pola súa banda, o director do instituto ceense, Manuel Antelo Pazos, asegurou que este acto foi algo máis que unha conmemoración e un aniversario: «Foi un berro a prol da educación pública de calidade», sinalou.

O libro é froito dunha labor comunitaria na que se involucraron tanto a dirección e o equipo de profesores e alumnos do IES Agra de Raíces como as familias, a Deputación da Coruña (que se encargou da edición) e o técnico de xestión cultural do Concello de Cee, Víctor Castiñeira.

Ao longo do ano o centro promoveu tamén conferencias, actuacións e outras actividades.

Tracking Pixel Contents