PATRIMONIO
A Muiñada de Vimianzo, referente dos festivais transformadores no Culturgal
É unha das catro iniciativas clave seleccionadas en Galicia

Roteiro teatralizado ao carón dos muíños de Vimianzo e Cambeda. / Cedida
Son os festivais só música? Poden ser encontros onde construír pertenza e fortalecer vínculos? Baixo estas premisas, a Asociación Cultural Cherinkas, organizadora da Muiñada de Vimianzo, vai participar o venres 28 de novembro no Culturgal (Pontevedra) para compartir a súa experiencia e visión sobre este xeito diferente de entender os festivais.
A Muiñada de Vimianzo foi seleccionada como unha das catro iniciativas clave —unha por cada provincia galega— para integrar a conversa Festivais como espazos de transformación. Este encontro pon o foco nas novas xeracións que están a reinventar a maneira de facer festivais: proxectos autoxestionados, creados desde as marxes do mercado e que apostan firmemente pola diversidade, a identidade e a participación veciñal.
Un diálogo a catro voces
A mesa terá lugar no Pazo da Cultura de Pontevedra dentro das xornadas profesionais do MUMi Coidar a música: a escena que queremos, organizada pola AC Músicas no Minho co apoio da Deputación de Pontevedra.
Manuel Rial, en representación da AC Cherinkas e da Muiñada, debaterá xunto a outros axentes culturais que están a marcar o camiño, como Marta Álvarez, da Foliada da Fonsagrada (Lugo); Xacobo García, do Ponte Farruca de Laza (Ourense); e Susi Álvarez, da Ruada das Gotas de Ribadumia (Pontevedra). O encontro estará conducido por Eva Fernández Prieto, de Rebelico Revista.
Máis alá da festa: construír comunidade
A xornada busca visibilizar esas iniciativas que, lonxe dos macrofestivais comerciais, céntranse no coidado da música e das persoas, demostrando que outra forma de xestionar a cultura é posible e necesaria.
A Muiñada de Vimianzo é un proxecto que se realiza cada outono no val de Vimianzo, articulado arredor dos históricos muíños das parroquias de Vimianzo e Cambeda, e que combina a recuperación do patrimonio histórico e inmaterial coa dinamización social, o teatro, a música e o baile.
O evento ofrece unha ampla variedade de actividades para todos os públicos, desde rutas teatralizadas e visitas guiadas aos muíños, até xogos populares, obradoiros de artesanía e baile, concertos de música tradicional e foliada. A súa singularidade reside en realizarse a pé de varios muíños do Val, revivindo a idea das “muiñadas”, reunións que se facían mentres se esperaba a quenda da moenda.
A Muiñada de Vimianzo, organizada pola AC Cherinkas e o Concello de Vimianzo, celebrou a súa décima edición este pasado mes de outubro consolidándose como un referente en Galicia no mundo da música tradicional.
- Galicia se prepara para tiritar ante la llegada de tormentas, granizo y nieve durante los próximos días
- ¿Cuánto costarán los pisos protegidos del nuevo barrio del norte de Santiago?
- Así afectará al transporte urbano de Santiago la huelga de autobuses convocada para este viernes
- El Fernando Alonso de Silleda ficha por McLaren: 'Es una de las promesas más brillantes del automovilismo europeo
- Así será el nuevo barrio del norte de Santiago: 6.000 vecinos y bloques de hasta 13 plantas
- Defienden que se dé continuidad al alquiler de las casetas en el histórico proyecto hostelero de O Cotón
- Así quedaría la letra del himno gallego con las propuestas de la RAG
- Sanmartín, sobre el cierre del túnel del Hórreo: 'É lamentable utilizar como medida de presión unha molestia á veciñanza