Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

INFRAESTRUTURAS

O BNG urxe á Xunta a mellorar a seguridade nas travesías de Cee

Lembran que "son continuos os atropelos, algúns con falecidos"

Montserrat Canosa, Serxio Domínguez, centro, e Oscar Insua na travesía de Cee.

Montserrat Canosa, Serxio Domínguez, centro, e Oscar Insua na travesía de Cee. / BNG

Cee

O BNG urxe á Xunta de Galiza a que proceda a mellorar as travesías urbanas de Cee, rematando “canto antes” a redacción dos proxectos de urbanización das estradas AC-552 e AC-550 ao seu paso pola vila ceense, para logo licitar a súa execución.

A través de diversas iniciativas do deputado Oscar Insua, os nacionalistas reclaman que se inclúa neses proxectos a construción de espazos peonís alí onde non existan, e nomeadamente no lugar de Bazarra nas zonas dos supermercados e da gasolineira; así como mellorar a sinalización en ditas vías de titularidade autonómica.

Oscar Insua, acompañado dos edís do BNG local Serxio Domínguez e Montserrat Canosa, achegouse á vila ceense para comprobar de primeira man as necesidades en materia de seguridade na Avenida Fernando Blanco e na Avenida de Fisterra, que constitúen as principais arterias de comunicación no municipio.

O BNG sinalou que desde hai anos son continuos os accidentes de tráfico de atropelo de peóns nas travesías no concello de Cee.

“Non é a primeira vez que trasladamos iniciativas ao Parlamento galego para darlle unha solución inmediata ás malas condicións das mesmas, e que en gran parte é competencia da Xunta de Galiza”, apuntou a formación nacionalista, que lembrou que nos últimos anos houbo diversos atropelos tanto na travesía de Fernando Blanco (AC-550) como na de avenida de Fisterra (AC-552), algúns deles co resultado de persoas falecidas e outros con feridos. Pregúntase "a cantos accidentes hai que chegar para que fagan algo desde a Axencia Galega de Infraestruturas?”.

Pola súa banda, o portavoz do BNG de Cee, Serxio Domínguez, declarou que "nós xa nos interesamos por esta problemática desde hai tempo e levamos ao Parlamento o asunto, e pedimos que a Xunta asuma a súa competencia e, en colaboración co Concello, tome medidas para que os índices de sinistralidade nas travesías de Cee sexan os máis baixos posíbeis".

Tracking Pixel Contents