Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Pulo ao mercado municipal de Ames: a Deputación achegará un millón de euros

Formoso visitou o lugar onde se situará a praza de abastos, que busca ser «un espazo central para o comercio de proximidade e a vida social» de Bertamiráns, do concello e da comarca

Blas García e Valentín González Formoso, onte, na visita á parcela onde se situará o mercado

Blas García e Valentín González Formoso, onte, na visita á parcela onde se situará o mercado / ECG

Santiago

A praza de abastos que se vai construír en Bertamiráns, en dúas parcelas próximas á avenida da Peregrina, será «un espazo central para o comercio de proximidade e a vida social» do concello e da comarca. Ata o lugar onde se emprazará o futuro mercado municipal achegouse onte o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, que puido coñecer o proxecto en maior detalle nunha visita na que estivo acompañado polo alcalde amesán, Blas García, e varios concelleiros do grupo de Goberno.

Agora, o proxecto colle un novo pulo co anuncio de que a Deputación coruñesa investirá un millón de euros no mercado, que se situará na Casa Barbazán, un histórico inmoble que poderá ter tamén unha nova vida. O investimento do organismo provincial sumarase á aportación da Xunta de Galicia, os fondos europeos que se achegarán ao proxecto e os recursos propios do Concello.

«O perfil de cidadán de Ames necesita un escaparate onde mostrar e vender os seus produtos ecolóxicos», sinalou Formoso.

«O proxecto completa a aposta da Deputación pola agricultura ecolóxica, que se inicia no centro de transformación de Brión e culmina neste novo mercado pensado para atraer consumidores de toda a comarca», engadiu.

Entrementres, o alcalde, Blas García, indicou que o mercado será «un proxecto singular que beneficiará a Ames e a toda a comarca», ao facilitar o acceso a produtos ecolóxicos e de quilómetro cero e ao ofrecer un escaparate estable aos produtores locais.

O edificio da praza contará con paneis fotovoltaicos para a xeración de enerxía e cun sistema de aproveitamento de augas pluviais para a limpeza das instalacións.

Formoso e García tamén visitaron as obras de mellora que se están a executar na Escola Municipal de Música de Aldea Nova, financiadas con 253.280 euros a través do Plan Único (POS+).

A intervención incluíu a renovación integral da cuberta, a mellora da impermeabilización e o reforzo do illamento para optimizar o confort térmico e acústico do edificio. Tamén se está habilitando unha nova estancia para o servizo de Protección Civil, adaptando o inmoble á normativa actual, e realízanse actuacións para mellorar os acabados interiores e a eficiencia enerxética da instalación.

Dende a súa posta en marcha, en 2016, o Plan Único permitiu executar en Ames 110 obras por un importe de 18,5 millóns de euros.

Tracking Pixel Contents