RECOÑECEMENTO
Unicef recoñece á Laracha como Cidade Amiga da Infancia
O Concello recibirá a distinción o 9 de decembro en Madrid

Primeiro pleno infantil celebrado na Laracha. / C. Laracha
A Laracha vén de ser recoñecida por Unicef como Cidade Amiga da Infancia, galardón que o Concello acada por primeira vez e que representa un importante fito no camiño emprendido para poñer ás nenas, nenos e adolescentes no centro das políticas municipais.
"Neste ano só dous concellos galegos recibiron a distinción, o que reforza o valor e o impacto do traballo desenvolvido no noso territorio", subliñan dende o goberno local.
O recoñecemento supón un aval ao modelo de xestión municipal relativo á participación infantil e á defensa dos dereitos da infancia a través de accións continuadas e estruturadas. A consecución deste distintivo certifica que A Laracha avanzou de maneira firme na aplicación do Plan Local de Infancia e Adolescencia (PLIA), a folla de ruta que guía a estratexia municipal nesas materias.
Durante os últimos anos, o PLIA consolidouse como un instrumento chave para impulsar políticas públicas que teñan en conta as necesidades reais dos máis novos. Un exemplo destacado é o Espazo de Participación de Nenos, Nenas e Adolescentes (EPIA), que continúa a medrar e a desenvolver iniciativas relevantes.
Segundo pleno infantil
Entre elas destaca a presenza na semana pasada no XIII Foro Unicef celebrado no Parlamento de Galicia, onde o grupo puido expoñer as súas visións e contribucións sobre os dereitos da infancia, demostrando a súa implicación activa e o compromiso municipal por escoitarlles e darlles voz. Tamén formaron parte en outubro do IV Encontro galego de participación infantil e adolescente celebrado en Nigrán. E o martes 2 de decembro ás 11.30 horas celebrarase na Casa da Cultura da Laracha o segundo Pleno Infantil municipal.
O Concello celebra este recoñecemento como un éxito colectivo, resultado da implicación da administración local, das familias, da comunidade educativa, das entidades sociais e, especialmente, da propia infancia e adolescencia, "que co seu esforzo e ideas contribuíron a definir un municipio máis máis inclusivo e preparado para construír futuro", subliñan.
O acto público de entrega do distintivo ás novas entidades locais recoñecidas como Cidades Amigas da Infancia terá lugar o 9 de decembro en Madrid, nun evento organizado por Unicef España.
O Concello inicia agora unha nova etapa "coa responsabilidade e a ilusión de seguir avanzando e consolidando políticas que favorezan o benestar, a participación e os dereitos de todos os nenos, nenas e adolescentes do municipio", conclúen.
- Galicia se prepara para tiritar ante la llegada de tormentas, granizo y nieve durante los próximos días
- ¿Cuánto costarán los pisos protegidos del nuevo barrio del norte de Santiago?
- Así afectará al transporte urbano de Santiago la huelga de autobuses convocada para este viernes
- El Fernando Alonso de Silleda ficha por McLaren: 'Es una de las promesas más brillantes del automovilismo europeo
- Así será el nuevo barrio del norte de Santiago: 6.000 vecinos y bloques de hasta 13 plantas
- Defienden que se dé continuidad al alquiler de las casetas en el histórico proyecto hostelero de O Cotón
- Así quedaría la letra del himno gallego con las propuestas de la RAG
- Sanmartín, sobre el cierre del túnel del Hórreo: 'É lamentable utilizar como medida de presión unha molestia á veciñanza