Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

POLÍTICA MUNICIPAL

As persoas e o rural, prioridades nos orzamentos de Vimianzo

As contas de 2026 manterán as taxas conxeladas

Sesión plenaria na que se aprobaron os orzamentos de 2026.

Sesión plenaria na que se aprobaron os orzamentos de 2026. / Cedida

Vimianzo

O Concello de Vimianzo aprobou os orzamentos de 2026, que ascenden a 8.614.900 euros, cos votos a favor do PSdeG-PSOE e a abstención do PP e o BNG.

A alcaldesa, Mónica Rodríguez, definiu o plan como "responsable, realista e profundamente social, pensado para dar resposta ás necesidades dun concello moi extenso, disperso e rural". Asegurou ademais que "a ruta a seguir é clara: as persoas e o rural como prioridade e a estabilidade económica como principio básico de xestión".

Agradeceu "o inmenso e incansable labor de todos os traballadores e traballadoras municipais que fixeron posibles estes orzamentos, pensados para os veciños e veciñas, e que manteñen o Concello sen débedas e coas taxas conxeladas".

Un orzamento social

A partida máis relevante é a de Asistencia Social Primaria, que ascende a 2.183.007 euros, o que representa o 25,3 % do orzamento. Os cálculos están pensados para facer fronte ao Servizo de Axuda no Fogar, políticas de igualdade, programas de conciliación, axudas á natalidade, á emerxencia social e aos apoios ás familias con menos recursos.

"Trátase de programas que non son competencia dos concellos, pero que son necesarios e para nós imprescindibles e prioritarios", manifestou a alcaldesa. "É unha liña que reforzamos moito nos últimos anos, duplicando os investimentos realizados", engadiu.

Aposta polo rural

Máis do 30 % do orzamento destínase a servizos públicos básicos fundamentais para garantir a calidade de vida nas 14 parroquias do municipio. O obxectivo é coidar o territorio e garantir servizos de calidade en todos os lugares.

Nesta liña, para obras e mantemento de infraestruturas viarias resérvase unha partida de 804.870 euros (9,3 %); para a pavimentación de vías públicas e mantemento de camiños 300.965 euros (3,5 %); para o alumeado público destínanse 374.853 euros (4,35 %); para a xestión e tratamento de residuos 764.500 euros (8,9 %); para o abastecemento domiciliario da auga 151.520 euros (1,7 %); para a rede de sumidoiros 65.000 euros; e inclúense tamén as partidas para limpeza viaria, parques e xardíns, para a que se consignan máis 150.000 euros.

Fomento do emprego

Nos orzamentos inclúese unha partida de 240.000 euros para fomentar o emprego e xerar máis oportunidades laborais. Contémplase o mantemento da patrulla durante nove meses para os traballos de limpeza e mantemento e tamén o reforzo da patrulla verde, que se dedica á limpeza de ríos (nos tramos urbanos) e contornas naturais.

Cultura, deporte e educación

Nesta liña inclúense, entre outras accións, 249.235 euros para a promoción cultural e 229.522 para equipamentos culturais e museos; 186.500 euros para festexos e tradicións locais; 367.789 euros para deporte e instalacións deportivas; 146.999 euros para a biblioteca, servizos educativos e apoio escolar; 3.000 para axudas ao comercio e hostalaría; 10.000 para celebrar en Vimianzo o Campionato Nacional de Trial por primeira vez na historia; e 15.000 para levar a cabo un convenio coa UNED.

"É un orzamento que reforza a identidade de Vimianzo. Un orzamento social porque destina máis dun cuarto do total a servizos para as persoas. Un orzamento rural porque inviste máis do 30 % en infraestruturas, limpeza, camiños, augas e servizos básicos. Un orzamento equilibrado, que non ten débeda e que garante estabilidade. E, sobre todo, é un orzamento realista, feito coa consciencia de que temos ingresos limitados, pero cunha clara prioridade: seguir sendo unha referencia en servizos, conciliación e atención ás persoas. Unha aposta polo que somos e o que queremos seguir sendo”, concluíu a alcaldesa, Mónica Rodríguez.

Tracking Pixel Contents