Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

O PSdeG reclama á Xunta que constrúa beirarrúas na AC-300 ao seu paso por Sisto, en Rois

Sinalan que por este tramo "pasa moito tráfico" e que tamén "é necesario polo menos un paso de peóns"

Imaxe de arquivo dunha estrada.

Imaxe de arquivo dunha estrada. / EUROPA PRESS

Rois

O PSdeG reclámalle á Xunta que constrúa beirarrúas e pasos de peóns na estrada provincial AC-300 ao seu paso polo lugar do Sisto, no municipio de Rois. O voceiro socialista local Manuel Regueira Miguens explica que O Sisto "é unha das poboacións máis grandes do municipio" e que por ela "pasa moito tráfico, pois por aí cruzan de Bertamiráns cara a Padrón, incluso vehículos pesados que veñen das rías de Muros e Noia con berberecho cara a Pontevedra".

Porén, trátase dun tramo estreito "no que hai 2 carrís pero apenas hai arcén", polo que consideran necesario "construír as beirarrúas para mellorar a seguridade viaria, e tamén polo menos un paso de peóns" en palabras do socialista.

En contraposición, Requeira lembra que "a AC-300 ao seu paso polos núcleos máis importantes de Brión, xa sexa Os Ánxeles, xa sexa Bastavales, ten beirarrúas". "En Padrón no polígono da Picaraña tamén ten beirarrúas, polo cal só quedaría este tramo de Rois como núcleo importante da AC 300" sen elas, lamenta.

Pola súa banda, o deputado socialista no Parlamento galego Aitor Bouza enxalza que "Rois necesita que a Xunta de Rueda se implique e poida demostrar que realmente non só exerce as súas competencias, senón que non deixa tirados aos veciños e veciñas de Rois".

Por esta razón, dende o PSdeG presentarán "unha batería de iniciativas na que se esixe á Xunta de Rueda que se comprometa a realizar ese tramo que falta dentro da AC 300, que garanta unha mobilidade segura e accesible para a propia veciñanza".

Bouza tamén pide "que se comprometa orzamentariamente, que inclúa unha partida nos orzamentos da Xunta que permita garantir que se van acometer esas obras nunha infraestrutura que para o Concello de Rois e, polo tanto para as veciñas e veciños desta localidade, é tan importante".

Tracking Pixel Contents