Teo incrementa o orzamento en 3,6 millóns e reforza a área urbanística
O pleno aprobou un documento que ascende a 22,1 M€ e no que se habilita unha partida para expropiar os terreos do polígono

Votación do orzamento de Teo, aprobado de xeito inicial e que agora se expón para alegacións. / Cedida
Redacción
A Corporación municipal de Teo aprobou este mércores de maneira inicial os orzamentos de 2026, que ascenden a 22,15 millóns de euros (3,6 millóns máis que os de 2025). O PP sacou adiante en solitario o documento, pois BNG, PSOE e PXCT votaron en contra.
No documento consígnanse preto de 2,3 millóns para o arranxo da rede viaria e infraestruturas de titularidade municipal, entre fondos propios e da Deputación, dos cales case un millón destinarase a priorizar as redes de saneamento; entre elas, a segunda fase da de Ferreiriño, a da Torre ou o da Ínsua.
Destaca tamén a consignación de preto de dous millóns de euros para a expropiación dos terreos do futuro polígono industrial, que se situará na Ramallosa.
O vindeiro ano, o Concello porá en marcha un novo servizo: o centro de día, para o que se procederá á reforma integral do local para o seu acondicionamento.
O Executivo local prevé, por outra parte, asinar un novo convenio coa Asociación Acougo para fomentar o acollemento familiar de menores en situación vulnerable, e reforzará o servizo TeoMadruga en dúas escolas unitarias do Colexio Rural Agrupado para ofrecer así este servizo de conciliación familiar a máis persoas que o precisen.
Por segundo ano consecutivo increméntase o orzamento no departamento de Servizos Sociais, con 3,7 millóns de euros.
No eido deportivo resérvase unha partida de 200.000 euros para o cambio de céspede no campo municipal do Rebordelo, dado o seu mal estado.
Con respecto ao persoal do Concello, increméntanse de novo as prazas no corpo da Policía Local para reforzar a seguridade en todo o municipio. Do mesmo xeito, ofertouse a praza de electromecánico do Servizo de Augas de Teo, e reforzouse o servizo de Urbanismo, Contratación, Recursos Humanos e Informática, prazas que van contempladas no orzamento.
No tocante á débeda viva, a alcaldesa, Lucía Calvo de la Uz, dixo que cando chegou ao Goberno era de 3,4 millóns «e logramos reducila en máis de 1,6 millóns».
Protección do patrimonio
«Os orzamentos manteñen o firme compromiso coa cultura e o coidado do patrimonio. De feito, o departamento de Cultura aumenta o seu orzamento a 780.000 €, incrementando a dotación relativa á protección do patrimonio histórico-artístico», engadiu a rexedora.
- El amor sonó más fuerte que la música: la pedida de mano compostelana en el concierto de David Bisbal en A Coruña
- El vecino de Madrid desaparecido en Muxía dejó una nota de despedida en su coche
- Una familiar del desaparecido viaja a Muxía con llaves del coche para inspeccionarlo
- Huelga de buses en Santiago: los piquetes impiden otra vez que salgan los servicios mínimos de Amio
- La Rúa dos Loureiros estrena una pequeña plaza y abre al tráfico
- Un fuerte accidente entre dos coches se salda con una mujer herida en Vidán
- La joven promesa musical de Milladoiro: 'Sempre quixen ser violinista
- Natalia Dicenta, de vuelta en Santiago: «Tuvimos casa en Galicia y para Lola y para mí, esta tierra es muy querida»