Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Padrón amplía o alumeado de Nadal co apoio de once empresas

Cortizo, Hotel Scala, Finsa, Grúas Estación, Elatisnor, Mármoles Orosa, Élite, Codega, Jardimaq, Tecven e Construcciones Sobrerrivas aportan máis de 21.000 euros

O alcalde, no centro, coa concelleira e os empresarios.

O alcalde, no centro, coa concelleira e os empresarios. / Cedida

Redacción

Padrón

O alcalde de Padrón, Anxo Arca, e a concelleira de Turismo e Festexos, Chus Campos, recibiron na Alcaldía representantes das once empresas que este ano aportan máis de 21.000 euros para financiar o alumeado de Nadal. Unha colaboración que permitirán ampliar a iluminación, encher de luz o municipio e dinamizar o comercio e a hostalería local.

As empresas que participan nesta iniciativa son Cortizo, Hotel Scala, Finsa, Grúas Estación, Elatisnor, Mármoles Orosa, Élite, Codega, Jardimaq, Tecven e Construcciones Sobrerrivas. Con esta aportación, o Concello poderá ampliar os espazos decorados tanto no casco urbano como na zona rural, con novos conxuntos e unha mellor iluminación en todo o municipio.

“Unha vez máis vemos como a colaboración público-privada beneficia a toda a cidadanía e permite reforzar en Padrón as iniciativas que dende o Concello lle propoñemos ás empresas da contorna”, asegura Anxo Arca. O alcalde resalta que os empresarios e empresarias “están sempre dispostos a botar unha man”, unha actitude que facilitará, “un ano máis, que Padrón volva ser un punto de referencia do Nadal en Galicia”.

Chus Campos, pola súa banda, destacou a implicación de empresas que son referente no municipio para potenciar o Nadal en Padrón. “Debemos resaltar que estas firmas poñen recursos para axudar o pequeno comercio e a hostalería do noso pobo”, dixo a concelleira de Turismo, facendo referencia a que unha maior e mellor iluminación vai ser beneficiosa para o comercio local.

Tras facerse unha foto de familia no salón de plenos, autoridades e empresarios desprazáronse ata a rotonda da N-550 preto do hotel Scala, dende a que se recibe a todos os visitantes cun Bo Nadal Padrón.

O acendido das luces de Nadal en Padrón celebrarase este domingo, 30 de setembro, a partir das 18.00 horas. As previsións de choiva para o sábado levaron ao Concello a adiar para o domingo tanto o acendido das luces como a actuación de Mekanika Rolling Band, que animará as rúas do casco histórico.

Tracking Pixel Contents