Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

25-N

Sentida homenaxe cidadá ás vítimas da violencia de xénero en Padrón

Mariló Saco pide unha resposta social: «Xa abonda!»

Homenaxe ás vítimas de violencia machista na Praza da Igualdade.

Homenaxe ás vítimas de violencia machista na Praza da Igualdade. / JUAN MARTINEZ

Padrón

O Concello de Padrón, a través do CIM Terras de Iria, conmemorou o 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, nunha xornada marcada pola participación cidadá e pola reivindicación dun futuro libre de violencias.

A Praza da Igualdade acolleu unha sentida homenaxe ás vítimas da violencia machista. Os membros da Corporación e a veciñanza uníronse nun acto de lembranza e solidariedade coas familias afectadas, reforzando a conciencia e o compromiso colectivo fronte a esta realidade.

Xa no auditorio municipal, a compañía Aantena puxo en escena a obra Golpes, unha proposta artística que aborda de forma directa o impacto emocional e social que a violencia exerce nas relacións afectivas.

Acto de homenaxe ás vítimas en Padrón.

Acto de homenaxe ás vítimas en Padrón. / JUAN MARTINEZ

Despois, a concelleira de Muller e Igualdade, Mariló Saco, deu lectura ao manifesto institucional do 25N, no que fixo un chamamento a manter activa a resposta social contra todas as formas de violencia. No texto destacou que «algo estamos a construír mal nesta sociedade cada vez máis violenta onde non somos capaces de resolver os conflitos coa palabra» e lembrou que «un día unha desas mulleres pode ser a túa irmá ou a túa amiga». Concluíu cun contundente «xa abonda!», apelando á implicación colectiva para erradicar esta lacra.

O acto incluíu tamén a entrega dos premios do V Certame de Debuxo, dirixido ao alumnado de Primaria dos centros educativos de Padrón. O xurado destacou a creatividade e a sensibilidade das obras presentadas. Os nomes dos premiados nesta edición foron, en Primeiro ciclo, Lois Couto (CEIP Flavia) e Aírton Varela (CEIP Rosalía); en Segundo ciclo, Diego Martínez (CEIP Flavia) e Violeta Taboada (CEIP Rosalía); e en Terceiro ciclo, Virginia B. López (CEIP Flavia) e Adela Sánchez (CEIP Rosalía). As obras estiveron expostas en escaparates de comercios, bares e locais de restauración, reforzando a colaboración entre a comunidade educativa e o tecido empresarial.

Baixo o lema Corta cos roles que matan, corta coa violencia, o Concello impulsou un programa de actividades culturais, educativas e de sensibilización que incluíu a Iluminación dos espazos monumentais; a actividade Latexos de Son Violeta; a intervención educativa A man que acariña; o reparto de folletos informativos e a colocación de candeas nos comercios en memoria das vítimas.

Tracking Pixel Contents