Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

PLENO

Frades pide apoio á Deputación para dotar de sendas peonís Os Canedos e O Pazo

O obxectivo é reforzar a seguridade viaria neses núcleos

Sesión plenaria da Corporación municipal de Frades.

Sesión plenaria da Corporación municipal de Frades. / Cedida

Redacción

Frades

O pleno municipal de Frades aprobou por unanimidade solicitarlle unha subvención nominativa á Deputación da Coruña para executar un proxecto de mellora da seguridade viaria en Os Canedos (Mesos) e O Pazo (Abellá). Está orzamentado en 146.650 euros, dos que o Concello solicita unha achega do 80% (117.000 euros).

O alcalde, Roberto Rey, explica que «trátase de construír sendas peonís ou cunetas transitables nos accesos ás igrexas e cemiterios do municipio. Este ano vimos de facer unhas en Añá, que se suman ás obras de humanización feitas hai un par de anos en Moar e Papucín, e a nosa idea e ir facendo o mesmo en todas as parroquias, sobre todo preto das igrexas, cemiterios e locais sociais».

O pleno tamén aprobou por unanimidade a adhesión a un programa da Deputación da Coruña que permite a encomenda da xestión en materia de selección do persoal funcionario interino para o posto de arquitecto ao ente provincial. «Frades ten cuberto o posto de arquitecta pero, en previsión do que poida pasar, preferimos estar adheridos a este acordo para tirar desa bolsa de arquitectos no caso de que fora necesario», sinalou Rey Martínez.

Tamén se aprobou unha modificación da Relación de Postos de Traballo (RPT).

Tracking Pixel Contents