Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Os Bonos Consuma de Ames xeran vendas por máis de 1 millón de euros en 4 anos

Os establecementos comerciais e hostaleiros interesados en adherirse poderán facelo dende hoxe ata o 15 de decembro

No centro, Blas García e Ana Belén Paz, suxeitando un bono desconto.

No centro, Blas García e Ana Belén Paz, suxeitando un bono desconto. / Cedida

Ames

O Concello de Ames retoma para este Nadal o programa de incentivos ao comercio a través de tarxetas de desconto Bonos Consuma. Esta campaña na que colaboran as asociacións Xuntanza de Empresarios de Ames, Asociación de empresarios Novo Milladoiro e maila Asociación de pequenos comerciantes Viorneira Palmira Bulebar xerou un volume de negocio de 1.062.465 euros dende a súa posta en marcha no 2021.

Os establecementos comerciais e hostaleiros interesados en adherirse poderán facelo dende hoxe ata o 15 de decembro rexistrándose na web www.bonosconsuma.gal, e os consumidores poderán aproveitar os descontos do 19 deste mes ao 19 de febreiro de 2026. A iniciativa, que busca ter un impacto positivo no comercio local, conta cun orzamento de 60.000 euros.

A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, fai un chamamento ao sector hostaleiro e comercial a "participar nesta iniciativa, especialmente aos comercios do Milladoiro da avenida de Rosalía de Castro", e explica, ademais, que este é un programa "que ano tras ano xera un volume de negocio moi importante para o comercio e hostalería do noso concello".

Cada bono terá un valor de ata 50 euros de desconto para as compras que se fagan nos establecementos adheridos, e poderase usar ata o seu esgotamento ou, se é o caso, ata o esgotamento do crédito dispoñible no programa.

Na primeira edición da campaña, baixo o nome Ames Progresa, xerouse un volume de negocio de 430.000 euros; en 2022, 125.159 euros; en 2023, 258.842 euros; en 2024, 248.463 euros; e nestas dúas últimas 120.000 e 60.000 euros por cada exercicio.

Tracking Pixel Contents