Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

CULTURA

Marcos Waldemar, campión de España, trae a súa maxia a Cee

O sábado, ás 20.00 horas, presenta o espectáculo 'Inherente'

Marcos Waldemar presenta 'Inherente' o sábado no auditorio de Cee.

Marcos Waldemar presenta 'Inherente' o sábado no auditorio de Cee. / Cedida

Cee

Despois de percorrer Estados Unidos, triunfar en Go Talent e ser proclamado Campión de España de Maxia 2025, o mago Marcos Waldemar fará parada en Cee este sábado, día 6 ás 20.00 horas, para presentar o espectáculo Inherente.

Un espectáculo para toda a familia que mestura "comedia, teatro e ata maxia con olores" para contar unha historia de vida a través do conde de Waldemar, antepasado de Marcos. E é que "a maxia é algo inherente a min. De feito, nacín un 30 de xaneiro, o día dos magos", afirma o campión de España, que tivo entre os seus mestres ao Mago Antón.

Inherente é un espectáculo de grande formato, no que "teñen cabida o mentalismo, as cartas, as cordas, os olores e nalgúns auditorios, mesmo chega a nevar", subliña Marcos. Para non perderse a cita, as persoas interesadas poden mercar as entradas na plataforma entradium.com.

Sempre no lado creativo

Marcos Waldemar naceu e viviu rodeado de maxia e tivo a sorte de aprender dos grandes mestres. Agora, como profesional, asegura que "a maxia está de moda e no mellor momento, porque son espectáculos que gustan a toda a xente", afirma.

Ademais, engade, "en Galicia estanse facendo as cousas moi ben e contamos con grandes magos". Ten claro que "na maxia hai que evolucionar e reinventarse continuamente, polo que agora que estamos na era da Intelixencia Artificial se hai que facer maxia con IA faise. Hai que avanzar e eu sempre estiven do lado creativo".

Tracking Pixel Contents