Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

PUBLICACIÓN

O Carballo de hai cen anos en imaxes animadas no calendario 2026

Son da Colección Loty, custodiada polo Arquivo de Lugo

Ángeles Pacoret e Daniel Pérez presentando o calendario municipal de 2026.

Ángeles Pacoret e Daniel Pérez presentando o calendario municipal de 2026. / C. C.

Carballo

Dentro do proxecto Carballo na Memoria, o calendario municipal de 2026 comparte con toda a veciñanza unha colección de fotografías datadas entre finais dos anos 20 e principios dos 30, algunhas delas inéditas, que forman parte da Colección Loty, custodiada polo Arquivo Histórico Provincial de Lugo.

"A Casa Loty foi fundada no ano 1918 en Madrid por Justin Marie Charles Alberty Jeanneret, un francés que se dedicaba ao comercio de papel fotográfico. A mediados dos anos 20, Charles Alberty e a súa esposa, Concepción López crean un banco de imaxes de varios países destinado a axencias de prensa, publicacións e empresas de turismo que tivo importantes clientes e recibiu numerosos premios a nivel internacional", explicou a concelleira de Arquivos Ángeles Pacoret.

Para a referida marca traballaron varios fotógrafos, e dase case por seguro que o autor das imaxes de Carballo foi o portugués António Pedro Carreta Passaporte, que foi fotógrafo da casa Loty entre 1926 e 1936, e fixo fotografías de monumentos e paisaxes, principalmente para a súa comercialización en tarxetas postais.

Ángeles Pacoret e Daniel Pérez na presentación do calendario.

Ángeles Pacoret e Daniel Pérez na presentación do calendario. / C. C.

Unhas fotografías que están recollidas no calendario de Carballo para o ano 2026, que inclúe esas imaxes restauradas e coloreadas, así como un código QR no que pode verse un vídeo no que están animadas, "o que nos permite mergullarnos con moita máis intensidade no Carballo desa época", subliñou Pacoret.

"Temos que agradecer o traballo realizado por Kiko González de Lema, que a través das tecnoloxías actuais foi quen de crear unha ficción narrativa destinada a preservar a memoria local. E damos as grazas tamén ao grupo De Ninghures, pola cesión desinteresada da banda sonora deste vídeo", sinalou a concelleira.

O calendario carballés inclúe tamén algunhas efemérides locais e as feiras, "porque, aínda que todo o mundo sabe que se celebran o segundo e o cuarto domingo de cada mes, e o quinto cando o hai, sempre, sempre preguntamos: este domingo é feira? Pois o ano que vén abondará con botarlle unha ollada ao almanaque para saír de dúbidas", engadiu.

Exposición de acuarelas

Pola súa banda, o alcalde, Daniel Pérez, destacou o traballo que está a realizar a Concellaría de Arquivos, Bibliotecas e Normalización Lingüística dentro do proxecto Carballo na Memoria, e aludiu a iniciativas como a exposición de acuarelas de Martín Garrido, que moi pronto poderán verse na biblioteca Rego da Balsa, ou a presentación do traballo sobre as casas baratas, "que imos tentar editar".

E tamén destacou a homenaxe a Cándido González Tiradas, "que recuperaremos en febreiro, se o tempo o permite". Incluso os novos parques infantís, como o dedicado ao trolebús ou o que pronto abrirá no Chorís, que é unha homenaxe aos vellos depósitos de auga, "tamén forman parte do necesario proceso de reconciliación co noso pasado", engadiu o rexedor.

Do calendario de 2026, Pérez destacou que "podemos ver como eran a Praza de Galicia, a Ponte da Lagoa ou a de Isabel II, a rúa Vázquez de Parga, a igrexa, a casa do concello.... Eu non as coñecín como aparecen nas imaxes, pero síntoas miñas porque moita xente me falou delas", engadiu.

Este ano, en previsión da alta demanda, o Concello aumentou a tirada. O calendario xa se pode recoller de balde no Museo de Bergantiños, a Biblioteca Rego da Balsa e a casa do concello.

Tracking Pixel Contents