Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

INMIGRACIÓN

Os senegaleses de Carballo únense para fortalecer a integración social e cultural

No municipio están empadroados 193 cidadáns do país africano

Representantes de Senegaleses de Carballo na xuntanza co alcalde.

Representantes de Senegaleses de Carballo na xuntanza co alcalde. / C. C.

Carballo

Na capital de Bergantiños vén de constituirse a asociación Senegaleses de Carballo, que nace para «fortalecer a convivencia, promover o coñecemento intercultural e apoiar a integración efectiva da comunidade senegalesa do municipio».

A día de hoxe figuran inscritos no padrón municipal 193 habitantes de nacionalidade senegalesa, algúns deles residentes no concello desde hai varios anos. A asociación quere dar un paso máis e acadar unha integración plena, tanto no ámbito social coma no cultural ou lingüístico.

Con tal fin organizarán actividades formativas e culturais. Para o seu primeiro ano de actividade presentaron unha proposta que inclúe talleres de galego e español, obradoiros do idioma senegalés, wolof, ou de música, danza, gastronomía e tradición oral de Senegal. Promoverán tamén charlas e unhas xornadas interculturais nas que poidan participar veciños de ámbalas comunidades.

Os representantes da asociación, acompañados por unha técnica do Plan de Inclusión da Xunta, reuníronse co alcalde de Carballo, Daniel Pérez, e as concelleiras de Servizos Sociais, Maica Ures, e Cultura, Maruxa Suárez, para presentarlles os obxectivos cos que naceu a asociación e tamén as propostas que pretenden desenvolver co fin de fomentar as relacións entre as dúas comunidades.

Tracking Pixel Contents