Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

O comercio de Ponteceso sorteará este Nadal un lingote de ouro de 24 quilates

Os participantes na campaña poderán gañar tamén 4 bicicletas e 9 tabletas

Mato, dereita, cos comerciantes, na presentación da campaña.

Mato, dereita, cos comerciantes, na presentación da campaña. / Cedida

Ponteceso

O Concello de Ponteceso volverá estimular o consumo no tecido comercial cunha campaña de Nadal na que as Fadas de Pondal volven ser as grandes protagonistas ata o luns, 5 de xaneiro (incluído).

Baixo o lema O Nadal chega a Ponteceso entre versos, luz e maxia, a clientela que faga as súas compras poderá conseguir agasallos directos e optar a premios nun gran sorteo que terá lugar o día 5.

O alcalde, José Manuel Mato, presentou a iniciativa xunto a representantes dos locais adheridos.

O rexedor agradeceu a implicación do tecido comercial, «sen o que non sería posible pór en marcha iniciativas como esta», dixo.

A mecánica da campaña será similar á realizada na pasada primavera. A clientela que se achegue aos negocios recibirá xa o seu pasaporte, un documento que deberá cubrir con seis selos de seis negocios diferentes, obtendo un destes distintivos por cada compra superior a cinco euros.

As persoas que logren reunir os seis selos poderán entregar o seu pasaporte na Casa das Fadas do Nadal (ubicada na avenida Eduardo Pondal, nº 41). Ao facelo, levarán un agasallo directo (ata fin de existencias), podendo elixir entre un adorno artesanal de Nadal, unha lámina facsimilar ou unha bolsa cunha ilustración das Fadas de Pondal de Leandro Lamas.

Unha peza valorada en 1.500 €

Todos os pasaportes entrarán nun gran sorteo final que se celebrará o día cinco de xaneiro, despois da Cabalgata de Reis. Entre os premios haberá catro bicicletas e nove tabletas para nenos e nenas, así como un lingote de ouro de 24 quilates valorado en 1.500 euros.

Na presentación da campaña, o rexedor de Ponteceso amosou a súa confianza en que a proposta para dinamizar o comercio local acade unhas cifras de participación similares ás da campaña de maio «e que sirva para estimular o consumo nestas datas», sinalou.

Tracking Pixel Contents