Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

O Nadal prende na área de Santiago

Os concellos das comarcas próximas a Compostela acenden estes días a iluminación de Nadal con actos abertos a toda a veciñanza

Un dos máis concorridos nas últimas horas foi o que tivo lugar en Vimianzo, con centos de persoas que desafiaron o mal tempo e se animaron a gozar do ambiente festivo

A conselleira de Vivenda, María M. Allegue, ataviada a xogo co alcalde de Oroso e con concelleiros do Goberno municipal, participou no acendido da iluminación de Nadal na Praza Isaac Díaz Pardo.

A conselleira de Vivenda, María M. Allegue, ataviada a xogo co alcalde de Oroso e con concelleiros do Goberno municipal, participou no acendido da iluminación de Nadal na Praza Isaac Díaz Pardo. / Cedida

Redacción

Oroso

No concello de Oroso o epicentro da festa coa que se dá por inaugurada a tempada de Nadal foi a Praza Isaac Díaz Pardo, un lugar de encontro para a veciñanza que vén de ser remodelada cunha importante achega da Xunta. Por iso, o Goberno de Álex Doval quixo convidar a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, a participar no acendido das luces de Nadal.

A titular do departamento autonómico puxo a transformación desta praza como exemplo do entendemento entre administracións para facer obras que melloren a calidade de vida das persoas.

En Vimianzo, o acendido da iluminación de Nadal xuntou centos de persoas baixo a gran carpa instalada na praza consistorial. A festa marca o comezo dunhas «datas máxicas, nas que compartir momentos, conversas e risas cos seres queridos», en palabras da alcaldesa, Mónica Rodríguez.

Centos de persoas gozaron en Vimianzo do acendido das luces de Nadal. No centro da imaxe, con xerseis con motivos de Nadal, a alcaldesa, Mónica Rodríguez, e os concelleiros do Goberno local.

Centos de persoas gozaron en Vimianzo do acendido das luces de Nadal. No centro da imaxe, con xerseis con motivos de Nadal, a alcaldesa, Mónica Rodríguez, e os concelleiros do Goberno local. / Cedida

A cativada gozou dunha gran festa infantil co espectáculo Tibu e os seus amigos, que encheu o espazo de maxia. Como xa é tradición, tampouco faltou a chocolatada de balde para todas as persoas asistentes.

Lola da Rocha, veciña de Bembibre de 95 anos, foi a encargada de premer o botón de acendido das luces de Nadal en Val do Dubra.

Lola da Rocha, veciña de Bembibre de 95 anos, foi a encargada de premer o botón de acendido das luces de Nadal en Val do Dubra. / Cedida

En Val do Dubra o Nadal quedou oficialmente inaugurado cun acto organizado por un grupo de veciños e veciñas do Campo da Feira e doutras parroquias do concello. Un dos momentos máis especiais foi o acendido, a cargo de Lola da Rocha, veciña de Bembibre de 95 anos. As decoracións son artesanais, creadas a partir de materiais reutilizados, e nunha Árbore dos desexos pendúranse as peticións veciñais para o ano 2026.

A Estrada prendeu o Nadal da man de catro nenos cos que colabora a asociacion Asanog. O chocolate quente fixo boa falta para entrar en calor. Moitos dos que o degustaron deixaron un donativo para apoiar a Asanog-Galicia no seu inmenso labor.

Como o tempo non acompañou no acendido solidario do alumeado de Nadal e non permitiu a afluencia desexada, o Concello realizará un donativo para a asociación, que axuda a mellorar o día a día das familias afectadas polo cancro infantil.

O alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao, premendo o botón para acender o alumedo de Nadal con nenos e nenas de Asanog.

O alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao, premendo o botón cos nenos para acender o alumeado de Nadal. / Cedida

Desafiando a persistente choiva,medio milleiro de persoas reuníronse este venres na carpa instalada pola Asociación de Empresarios de Santa Comba diante da casa da cultura para darlle a benvida ao Nadal. O acto de acendido das luces xuntou familias, grupos de amizades e moita rapazada nun acto no que tamén se entregaron os premios do Concurso de Postais de Nadal.

Asistentes á festa de inauguración do Nadal en Santa Comba.

Asistentes á festa de inauguración do Nadal en Santa Comba. / Cedida

Participaron na entrega de premios o alcalde, Alberto Romar, e a concelleira de Cultura, Patricia Val, que lle entregaron aos tres gañadores vales por 90, 65 e 45 € para gastar no comercio local.

A festa continuou con chocolate e tarta larpeira para todas as persoas asistentes.

En Boiro, a pequena Daniela foi a encargada este ano de prender o alumeado de Nadal e dar comezo a esta época cargada de maxia e ilusión.

En Boiro, a pequena Daniela premeu o botón para acender o alumeado de Nadal.

En Boiro, a pequena Daniela premeu o botón para acender o alumeado de Nadal. / Cedida

Tamén o venres Cee encheuse de luz, ilusión e risos, coa rapazada como gran protagonista. A chuvia obrigou a gozar a cuberto dos inchables e do baile, no polideportivo, pero nada impediu que a maxia do Nadal brillase con forza na vila. A alcaldesa, Margarita Lamela, sumouse á festa.

A alcaldesa de Cee, Margarita Lamela, centro, na inauguración do alumeado de Nadal.

A alcaldesa de Cee, Margarita Lamela, centro, na inauguración do alumeado de Nadal. / Cedida

Ese mesmo día levouse a cabo tamén o acendido en Muros. Nesa vila houbo reparto de cocolate e doces. O acto celebrouse no Curro da Praza e contou coa participación da alcaldesa, María Lago, e da edil de Cultura, Caridad González, entre outras autoridades locais. Posteriormente, houbo unha visita guiada polo centro histórico de Muros.

María Lago, segunda pola esquerda, e Caridad González, dereita, participando no acendido do alumeado de Nadal en Muros.

María Lago, segunda pola esquerda, e Caridad González, dereita, participando no acendido do alumeado de Nadal en Muros. / Cedida

En Rianxo, o alcalde, Julián Bustelo, estivo acompañado do seu homólogo de Padrón, Anxo Arca, e de varios membros do seu goberno na inauguración do alumeado, que tivo lugar na noite deste sábado.

Anxo Arca, esquerda, e Julián Bustelo, con Papá Noel.

Anxo Arca, esquerda, e Julián Bustelo, con Papá Noel. / Cedida

Pero, se hai un concello que madrugou para acender o alumeado navideño, eso foi Ribeira, que o fixo xa o 28 de novembro. Xunto co acendido da iluminación na zona comercial inaugurouse tamén o belén municipal. O acto desenvolveuse na praza consistorial, centro neurálxico con motivo do Black Friday. A rapazada foi a encargada de premer o botón que marca o inicio da época festiva por excelencia do inverno.

Espectáculo itinerante 'A luz do Camiño', de Troula Animación, en Ribeira.

Espectáculo itinerante 'A luz do Camiño', de Troula Animación, en Ribeira. / Cedida

O público congregado puido gozar de chocolate con churros para quecer o corpo e tamén se dinamizaron as contornas dos establecementos locais e hostaleiros co espectáculo itinerante A luz do Camiño, de Troula Animación, para xa dar paso á charanga BB+.

No Paseo do Malecón está operativa a pista de xeo promovida pola Asociación de Empresarios de Ribeira coa colaboración do Concello.

Tracking Pixel Contents