Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Editan un libro sobre os recursos turísticos dos 17 concellos do xeodestino Costa da Morte

A publicación ten un formato especial, con grandes fotos, e pesa quilo e medio

Asistentes á presentación da publicación, na Laracha.

Asistentes á presentación da publicación, na Laracha. / Cedida

A Laracha

A Costa da Morte conta xa cunha publicación exclusiva dos dezasete concellos do xeodestino. Trátase dun libro de autor de Xan Fernández Carrera, con fotos de Antonio Fernández, que foi presentado no Asteria Beach, de Caión, no concello da Laracha.

A publicación, que leva por título Costa da Morte: naturalmente única, é un proxecto da Asociación de Profesionais do Turismo da Costa da Morte financiado pola Axencia de Turismo de Galicia, cuxo director, José Manuel Merelles, participou no acto de presentación.

Merelles felicitou o colectivo pola súa capacidade de convocatoria e polo seu intenso traballo a prol da dinamización turística.

O libro é unha mirada singular tanto de Xan como de Antonio aos recursos turísticos da bisbarra.

Trátase dun libro de formato especial, con cuberta dura, papel de gran calidade, grandes fotos e textos breves. Pesa quilo e medio.

Distribuirase fundamentalmente nas recepcións e mostradores dos establecementos e oficinas turísticas da Costa da Morte.

Entregaranse exemplares a todos os concellos da citada asociación, ás oficinas de Turismo, ás bibliotecas municipais e aos establecementos asociados á APTCM.

«Dende a Asociación de Profesionais do Turismo da Costa da Morte queremos agradecer o traballo, entrega e paixón de Xan Fernández Carrera e Antonio Fernández polo seu talento e xenerosidade á hora de ceder a súa obra dun xeito altruísta a prol desta marabillosa terra que é a Costa da Morte», sinalan dende o colectivo sectorial.

«Este proxecto é a demostración palpable que a unión fai a forza e que, se todos miramos nunha única dirección, os obxetivos estarán máis próximos», sinala o presidente de APTCM, Pepe Formoso.

Ao acto asistiron tamén alcaldes, concelleiros, deputados provinciais e empresarios. O libro está tamén dixitalizado e pode consultarse na web da asociación.

TEMAS

Tracking Pixel Contents