Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

O Pino xa conta con orzamento: 1 de cada 5 euros será para investimento real

Para financiar o Servizo de Axuda no Fogar e a protección social está previsto reservar uns 935.955 €

O POS incluirá unha senda peonil do cruzamento de Casal á Igrexa de San Breixo e mellora dos accesos a Vilarmeao

Sesión plenaria no Pino na que se aprobaron os orzamentos para 2026

Sesión plenaria no Pino na que se aprobaron os orzamentos para 2026 / Concello

O Pino

A Corporación do Pino aprobou o orzamento do Concello para 2026 por 5,86 millóns de euros, cun claro enfoque nos servizos públicos, a protección social e o desenvolvemento de infraestruturas. As contas aprobáronse cos votos a favor do equipo de goberno (PP) e a abstención da oposición (BNG e PSdeG). De cada 5 euros das contas, un dedícase a investimentos reais e outro euro a protección e promoción social.

O capítulo máis importante de gastos é o destinado a financiar bens correntes e servizos que se prestan á veciñanza, de 3,39 millóns de euros, o que representa máis da metade do orzamento. Dentro deste capítulo para financiar o Servizo de Axuda no Fogar e a protección social resérvanse 935.955 €.

Para investimentos reais, O Pino sumará 1,11 millóns de euros no vindeiro exercicio, aos que hai que engadir os 182.000 euros que debe aportar o Concello para a humanización da rúa dos Mollados e a de Forcarei (a Xunta financia os 424.00 euros restantes e executará as obras). Os gastos de persoal representan un 14,28% das contas: 0,83 millóns de euros. Tamén aprobaron a segunda fase do POS+ Adicional: 227.599 € para unha senda peonil do cruzamento de Casal ata a Igrexa de San Breixo (e mellora da capa de rodaxe) e posta a punto dos accesos a Vilarmeao.

Tracking Pixel Contents