Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

INDUSTRIA

Xunta e empresarios estudan a distribución das novas parcelas do polígono de Carballo

As obras de ampliación comezarán no ano 2027

Pérez, segundo esquerda, Ardao e Belén do Campo cos empresarios en Carballo.

Pérez, segundo esquerda, Ardao e Belén do Campo cos empresarios en Carballo. / X. G.

Carballo

A directora xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial, Margarita Ardao, mantivo hoxe un encontro cos empresarios de Carballo para informarlles dos avances nos proxectos de urbanización e expropiación da ampliación do parque empresarial de Bértoa, que unha vez finalizadas as obras incrementará a súa superficie nun 51%.

No encontro, ao que tamén asistiron o alcalde, Daniel Pérez, e a delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, analizouse coa Asociación de Empresarios do polígono industrial de Carballo a distribución das futuras parcelas que se están a deseñar co fin de facilitar a consolidación de empresas que demanden grandes superficies na zona.

Xuntanza cos empresarios do polígono de Bértoa, en Carballo.

Xuntanza cos empresarios do polígono de Bértoa, en Carballo. / X. G.

Xunto co equipo redactor do proxecto de urbanización, Ardao recordou que o plan de ampliación do parque de Bértoa Fase II permitirá incrementar a superficie de solo industrial en 629.587 m2, un 51 % mais da súa capacidade actual, que é de 1.236.327 m2.

A actuación que se está a desenvolver conta cunha previsión orzamentaria de 28,2 M€ e enmárcase na estratexia da Xunta de Galicia de crear un tecido empresarial forte, competitivo e respectuoso co medio ambiente que atraia investimentos, favoreza a creación de emprego e garanta o equilibrio territorial. Se os prazos van segundo o previsto, as obras comezarán no 2027 cun período de execución de 18 meses. 

A Coruña, case dous millóns de metros

A ampliación do parque empresarial de Bértoa complementa outras actuacións que está a promover a o Goberno galego na provincia da Coruña como son o parque empresarial de Cabana de Bergantiños, a ampliación do da Sionlla (Santiago de Compostela) ou a urbanización das derradeiras fases do de Morás, en Arteixo. En total, suman case dous millóns de metros cadrados de solo empresarial.

Tracking Pixel Contents