Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

MARISQUEO

Mariscadores de a pé de Corcubión rexeitan o uso de aire por parte dos mergulladores

O BNG defendeu no Parlamento a petición dos profesionais de a flote

Mariscadores de a pé faenando na ría de Corcubión.

Mariscadores de a pé faenando na ría de Corcubión. / Cedida

Corcubión

A Agrupación de Mariscadores a Pé da Confraría de Pescadores de Corcubión manifesta a súa preocupación e o seu desacordo ante a petición presentada no Parlamento Galego por parte do colectivo de mergulladores, a través do BNG, para impulsar un plan de extracción de ameixa e ameixón con aire subministrado.

Lemban que é "unha técnica que non está autorizada legalmente a día de hoxe para extracción destes recursos". Os mariscadores opóñense ao emprego desa técnica de extracción de ameixa e ameixón "por ser máis invasora e cunha capacidade extractiva superior que o raño, xerando unha competencia desigual fronte os que traballan a pé e de maneira artesanal".

Consideran que comprometería a produción dos bancos marisqueiros, "poñendo en risco a recuperación natural destes recursos que, de por si, xa son máis sensibles e vulnerables a factores externos que outros, desprazando a actual actividade marisqueira a pé ao comprometer o acceso aos recursos principais que sosteñen este colectivo".

Labores esenciais

Destacan ademais "o bo funcionamento do plan de explotación de marisqueo, amparado nun traballo continuo na defensa do recurso", e subliñan que eles realizan de forma regular "labores esencias como a sementeiras de crías de ameixa, traslados, remoción de substrato e outras actuacións de mellora e conservación que garanten a produtividade e a sostibilidade dos bancos marisqueiros de Corcubión, Cee e a Sicar, priorizando sempre o futuro e a conservación dos recursos fronte ao beneficio inmediato".

A petición presentada no Parlamento, engaden, "céntrase unicamente nunha suposta mellora das condicións de traballo, pero non aborda os aspectos biolóxicos, ambientais e de sustentabilidade dos recursos, os cales si se verían comprometidos. Esta omisión evidencia a ausencia do equilibrio fundamental que debe rexer a xestión deste sector".

Por iso, instan á Consellería do Mar a que priorice a "opinión deste sector e valore a sostibilidade social e ambiental a medio e longo prazo antes de emprender calquera novo plan experimental ou modificación lexislativa que poida comprometer a continuidade dun oficio ancestral, como é o marisqueo".

Petición reiterada

Dende o BNG, o seu deputado Oscar Insua, lembra que o seu grupo xa trasladou as demandas dos mergulladores ao Parlamento sen que, até agora, fosen atendidaos.

Considera que "non ten explicación racional algunha a negativa reiterada da Xunta a mellorar as condicións de traballo deste colectivo; non lembro outro caso na historia no que pasara tal cousa".

Se eles din, engade, "que sofren menos collendo a ameixa que está a dez metros de profundidade con aire dende a superficie que co raño desde a embarcación, pois cambiemos a normativa para facilitalo, porque ese é o único atranco existente, e xa se permite para a navalla".

Tracking Pixel Contents