Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

ENCONTRO

Propostas e ideas para tentar mudar a economía dende Carballo

REAS Galicia reuniu diversos especialistas nun congreso

Iván Andrade, esquerda, Daniel Pérez, Xosé Regueira e María Paz no acto inaugural.

Iván Andrade, esquerda, Daniel Pérez, Xosé Regueira e María Paz no acto inaugural. / D. C.

Carballo

O Fórum Carballo acolleu o II Congreso Galicia é ESS, organizado por REAS Galicia, a Rede de Economía Alternativa e Solidaria de Galicia, coa colaboración do Concello e da Deputación da Coruña.

Unha iniciativa na que os asistentes compartiron os valores da economía social e solidaria e coñeceron de primeira man este movemento, orientado á construción dun modelo económico baseado na cooperación, a sustentabilidade e a xustiza social.

O obxectivo era compartir saberes e aprendizaxes acumuladas e procurar inspiración noutras experiencias e noutros territorios para artellar, de maneira colectiva, un mercado social, solidario e certeiro. Con tal fin déronse a coñecer modelos colaborativos en ámbitos como o da enerxía, o financiamento, o comercio xusto ou o consumo responsable.

O encontro foi inaugurado polo alcalde de Carballo, Daniel Pérez, nun acto ao que asistiron tamén o vicepresidente da Deputación da Coruña e deputado de Promoción Económica, Xosé Regueira; o concelleiro de Innovación, Formación, Emprego, Fondos Europeos e Axenda Urbana, Iván Andrade; e a directora de REAS Galicia, María Paz.

Contexto inestable

Xosé Regueira, subliñou a relevancia da economía social nun contexto internacional marcado pola inestabilidade. Segundo indicou, vivimos “un momento xeopolítico absolutamente convulso, no que unha serie de oligarcas a nivel mundial, non contentos con dominar a economía, tentan tamén dominar gobernos, ben sexa pola forza ou pola chantaxe económica acumulando cada vez máis poder e empobrecendo as sociedades".

Neste escenario, salientou que "a economía social é cada vez máis necesaria para contrastar contra ese outro sistema" e avogou por apoiar unha proposta na que "as persoas estean en primeiro plano antes ca conceptos como o simplemente económico".

Apostar polo social

Para Regueira, encontros como este deben servir non só para reflexionar, senón tamén para actuar, ao considerar que "o social é unha aposta económica pola que debemos decantarnos como civilización, porque vai á cerna do concepto que temos de humanidade".

Fronte a un modelo económico que acaba —incidiu— "forzando un enfrontamento entre pobres", o vicepresidente provincial defendeu a necesidade de avanzar cara a outro que "afonde na redistribución da riqueza, nunha sociedade máis xusta, no consumo responsable e na conciencia de que o noso planeta é finito e o debemos saber repartir con xustiza".

Tracking Pixel Contents