TURISMO
A Deputación realza o valor turístico e económico do Camiño Fisterra-Muxía
A internacionalización da ruta centrou o foro do Parador

María Luisa Rodríguez entregándolle a Carlos Berdullas o premio Ti fas Camiño / D. C.
O Parador da Costa da Morte acolleu o III Foro de Internacionalización do Camiño Fisterra-Muxía, un encontro, organizado pola Asociación de Concellos do Camiño en colaboración coa Deputación da Coruña, que este ano puxo o foco na expansión e internacionalización da ruta e os retos de cara ao Ano Xacobeo 2027.
O vicepresidente provincial, Xosé Regueira, e o deputado responsable da promoción do Camiño Inglés, Antonio Leira, inauguraron o encontro no que se debatiu sobre proxectos dos concellos que transforman o territorio; o labor das técnicas municipais de turismo, que son maioría; a visión internacional dos modelos de comunicación, promoción e cooperación transfronteiriza de Irlanda, Reino Unido e Portugal; cultura, comunidade e innovación; e financiamento para o turismo sostible.
Regueira agarda que 2027 «sexa outro ano récord; no económico pero tamén para o sector turístico. Pero temos que ver tamén onde están as dificultades e que debemos facer para superalas».
Intelixencia turística
Este Camiño, e sobre todo Fisterra, afirmou, «vai a ser un dos puntos onde se poña en marcha unha cuestión para nós fundamental, que é empezar a facer intelixencia turística: a recoller datos para saber despois que facer con eles e que estratexia marcar para que os proxectos se consoliden».
Segundo eses datos, que os alcaldes dos concellos da ruta xacobea costeira xa lle transmitiron ao vicepresidente, polo Camiño Fisterra-Muxía pasan 300.000 peregrinos e peregrinas. Isto obriga as Administracións públicas a deseñaren estratexias para que estes visitantes tamén deixen un retorno económico nos concellos, que ademais son pequenos, de maneira que poidan ofrecer mellor servizo e e tamén mellorar a experiencia das persoas visitantes.
Conectividade aérea
Para Regueira é tamén fundamental "unha boa conectividade cos estados emisores, aos que lles interesa este tipo de produto. Se unha persoa dos Estados Unidos ten que facer dous transbordos e vai a tardar doce horas en chegar aquí, ao mellor decide ir a outro lado", argumentou. Polo tanto, engadiu, "creo que un dos retos do Camiño, e máis se falamos de internacionalización, é a conectividade aérea".
Para afrontar eses retos, "a Deputación da Coruña sempre vai estar aí", incidiu. "Levamos apostando durante moitísimos anos por este Camiño que é un Camiño que comeza e remata na nosa propia provincia, e achegamos cada ano 150.000 euros de recursos para que a Asociación de Concellos do Camiño Fisterra-Muxía poida xestionar o máis profesionalmente posible este itinerario".
Potencial turístico
Antonio Leira reafirmou esa aposta da administración provincial. "Desde a Deputación levamos anos abrindo camiño, un camiño que iniciamos cun traballo de convicción, de constancia, para impulsar realmente un dos tesouros máis grandes que temos. E seguiremos apostando por el: apostando por un valor patrimonial, por un enorme potencial turístico, e, sobre todo, polas persoas que estades no territorio e que facedes posible todo isto”.
Acompañaron os deputados no acto de apertura a presidenta da Asociación de Concellos do Camiño Fisterra-Muxía e concelleira de Turismo de Cee, María Luisa Rodríguez; o director da S. A. de Xestión do Plan Xacobeo, Ildefonso de la Campa, e o alcalde de Muxía, Javier Sar.
No acto, Carlos Berdullas, da AAVV da Ponte Maceira, foi agasallado co premio Ti fas Camiño, que recoñece a defensa dos valores esenciais da ruta Fisterra-Muxía.
- Chisco Lema, veterinario experto en lobo: 'Hay manadas especializadas en cazar perros
- Apagón en Santiago: una avería deja sin luz a 2.700 vecinos de Santiago
- Accidente múltiple en la AP-9 a la altura de San Lázaro: uno de los heridos, hospitalizado en la UCI
- Batería de accidentes con heridos por el granizo: tres en la autovía de Brión y dos en Padrón
- Un vuelo de Ryanair entre Valencia y Santiago acaba desviado a Madrid por el mal tiempo
- Otra huelga de buses sin servicios mínimos: 'Se pasa a indefinida haberá días que haxa nenos que non poidan ir a clase”
- Evitas el estrés del aparcamiento': el proyecto de dos vecinos de Milladoiro para compartir coche en los trayectos a Santiago
- Borrasca 'Ingrid': ¿Nevará en Santiago de Compostela este viernes?