Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

INICIATIVA

Chaman á acción para preservar a obra do fotógrafo muxián Ramón Caamaño

O BNG pide que sexa declarado Ben de Interese Cultural

Arquivo fotográfico do muxián Ramón Caamaño.

Arquivo fotográfico do muxián Ramón Caamaño. / BNG

Muxía

O BNG de Muxía solicita ao goberno local que negocie coa familia do mítico fotógrafo Ramón Caamaño e cos departamentos de patrimonio da Deputación da Coruña e da Xunta de Galiza co obxecto de garantir a conservación do seu legado.

A concelleira Mercé Barrientos propón ademais que o Concello se acolla ás liñas de subvencións provinciais para «garantir a conservación dos fondos e evitar o seu deterioro e perda irreversible», e que se promova a declaración do Fondo Fotográfico Ramón Caamaño como Ben de Interese Cultural.

A maiores, avoga por contemplar a obtención de recursos estruturais e económicos para a musealización do patrimonio de Caamaño e a súa integración no circuíto cultural. Un patrimonio que, subliña, «permanece almacenado na casa familiar, constitúe un arquivo da memoria visual do noso concello e mesmo do país e ten un valor artístico e de memoria social incuestionable».

Unha pequena parte da súa obra está exposta no Parador Costa da Morte, e o resto do patrimonio fotográfico (negativos e cámaras) «está catalogado grazas ao traballo paciente de Chete, xenro de Caamaño. O resto segue agardando a que se leve adiante unha iniciativa de recuperación e conservación que, por agora, segue recaendo na familia», conclúe.

Tracking Pixel Contents