Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

XUNTANZA

Avanza o plan de ampliación do polígono de Toedo, na Estrada

Está en fase de licitación o proxecto de expropiación

Reunión con empresarios interesados na ampliación do polígono de Toedo.

Reunión con empresarios interesados na ampliación do polígono de Toedo. / Cedida

A Estrada

A directora xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial, Margarita Ardao, acompañada do alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao, mantivo un encontro con empresarios para informarlles dos avances rexistrados no proxecto de ampliación do parque empresarial de Toedo, que incrementará a superficie actual en 156.685 metros cadrados mais, un 84% do solo do parque actual.

Está en fase de licitación o proxecto de expropiación e de apoio técnico dos terreos, bens e dereitos afectados, á que se presentaron catro empresas e que se adxudicará nas vindeiras semanas. Neste senso, sinalou que dito proxecto se está a tramitar en paralelo ao da aprobación definitiva do Plan Estruturante de Ordenación de Solo Empresarial (PEOSE), co obxectivo de axilizar os prazos e poder atender canto antes a demanda da comarca de contar con máis solo empresarial para impulsar a implantación de novas empresas.

Coñecer as necesidades

"Buscamos que A Estrada incremente moi pronto a súa oferta de solo industrial. Hoxe concretáronse as necesidades de cada unha das empresas e foi un número moi importante delas”, afirmou o alcalde.

Os asistentes ao encontro quedaron emprazados a futuras reunións para traballar en dúas liñas: no proceso de expropiación e no proxecto de urbanización adaptado ás demandas de cada unha das empresas. Despois da información analizada hoxe, o alcalde sinalou que se fixo fincapé na importancia de que estas demandas se concreten de aquí ao mes de febreiro, ao obxecto de "poder saber os metros cadrados e as necesidades específicas de cada unha das actividades".

A partires de aí, haberá novas reunións individuais e colectivas para que o polígono quede axustado a estes requirimentos "e que no 2026 se fagan as tramitacións urbanísticas e de expropiación para que en 2027 sexa unha realidade a obra que fará que A Estrada teña o solo industrial que precisa", concluíu Gonzalo Louzao.

Tracking Pixel Contents