PUBLICACIÓNS
A colección Terra Nomeada medra coas toponimias de Zas, Padrón e Pontecesures
O Seminario de Onomástica da Real Academia Galega edita dous novos volumes

Xose Maria Lema Suárez, autor da obra 'Toponimia de Zas'. / Cedida
A colección Terra Nomeada segue a medrar con dous novos volumes dedicados a Zas, Padrón e Pontecesures asinados polos especialistas en toponimia Xosé María Lema Suárez, académico correspondente e responsable das páxinas sobre os nomes das parroquias e aldeas do concello da Terra de Soneira, e Fernando Cabeza Quiles, colaborador do Seminario de Onomástica da Real Academia Galega eautor do libro centrado nos dous municipios que separa o río Ulla.
Ambas as achegas contan ademais cunha edición dixital xa dispoñible na sección de publicacións da web da RAG, academia.gal. Xosé María Lema debuta en Terra Nomeada cun libro dedicado a un dos municipios que linda co seu Vimianzo natal, protagonista tamén dalgunha das súa contribucións á serie audiovisual O Seminario de Onomástica responde. En Toponimia de Zas, publicado co apoio da Deputación da Coruña e do Concello de Zas.

Portada da publicación 'Toponimia de Zas' / Cedida
O estudoso soneirán afonda nas distintas propostas sobre a orixe e o significado dun total de 147 nomes: os de todas as súas parroquias e aldeas, o do propio do concello, e tamén outros como Soneira, que designa e comarca histórica da que forma parte Zas; e Xallas, o río que toca a zona sur do municipio, antiga xurisdición señorial á cal pertenceron dúas parroquias e comarca natural.
Lema incorpora igualmente un documentado estudo do nome do río que vertebra as augas da Terra de Soneira, o río do Porto, desde a década de 1960 impropiamente denominado río Grande, advirte. Pretende así contribuír —explica— a que se lle restitúa o nome histórico, que maioritariamente se lle viña dando, polo menos desde 1764, ano en que o intelectual ilustrado José Cornide mesmo o cita co nome en galego.
Sobre o nome de Zas, Xosé María Lema Suárez indica que, malia darse por certa ata hai pouco a hipótese de que procedía do xermánico *sala ‘pazo, residencia principal’, adecuada para o melidense Zas de Rei, a documentación medieval demostra que non pode ter a mesma orixe. Asume así a hipótese de Martínez Lema de que a orixe do topónimo soneirán está no acusativo salĭce do fitónimo latino salīx ‘salgueiro’, que deu lugar no galego medieval ás formas Saaz / Saz e Saas / Sas.
Estas grafías mantivéronse no castelán dos séculos XVI, XVII e o primeiro terzo do XVIII. Canto ao paso de Saz ao actual Zas, que aparece xa no Castastro de Ensenada (1753), o académico correspondente aposta pola ultracorrección do seseo. "Hoxe en día aínda se lle escoita pronunciar Sas á xente de máis idade", lembra.
O cuarto volume de Cabeza Quiles
Toponimia de Padrón e Pontecesures é a nova achega de Fernando Cabeza Quiles á colección, un volume editado co apoio económico da Xunta de Galicia e o Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades. O filólogo, socio fundador do Instituto de Estudos Bergantiñáns e membro da AGoN, publicou anteriormente como parte de Terra Nomeada outros tres libros centrados nos topónimos da Estrada (2018), Carballo (2020), e Ribeira (2022).
Desta volta, no caso de Padrón detense nos arredor de cen nomes que designan as súas entidades de poboación, así como os dos montes Castro Valente, O Lapido e Meda, e mais os ríos O Vello e Sar. Na parte de Pontecesures, analiza os nomes da súa única parroquia, Requeixo, e dos seus lugares, e mais os que identifican os montes Galiñeiro e Monte de Porto.

Fernando Cabeza Quiles. / Cedida
O nome da vila de Padrón, continuación medieval da contigua cidade romana de Iria Flavia, provén do latín petrōne, derivado de pĕtra ‘pedra’. Cabeza Quiles apunta que esta voz se refire á coñecida ara votiva de época romana dedicada a Neptuno que hoxe se conserva baixo o altar da igrexa parroquial, e que "debeu ser custeada no seu día polo foro iriense para pedir protección ao deus romano das augas para os navegantes e mariñeiros que saían e entraban do outrora importante porto marítimo-fluvial da cidade". "A alteración da vogal etimolóxica da sílaba inicial e no actual a é habitual na toponimia galega, onde se repite noutros topónimos Padrón, Padróns", aclara.

Cuberta de 'Toponimia de Padron e Pontecesures'. / Cedida
Canto ao topónimo Pontecesures, este naceu en 1925, ano da constitución do concello ao se segregar do municipio de Valga. En orixe a denominación foi Cesures, que aparece na documentación medieval, na fala local e en 1881, ano no que o rei Afonso XII lle dá o título de vila á entidade urbana de “(San Luis de) Cesures”.
"Provén, segundo pensamos, da palabra latina caesura ‘corte’, derivada do tempo supino do verbo caedere ‘cortar’, e nomea a gran fenda no terreo, costa ou desnivel sobre o que se asentou o primixenio Cesures, hoxe grosso modo a aldea de San Xulián, alias Requeixo, cuxo apertado e costento casarío descende, pola cortadura orográfica, dende o lugar do Castro ata a capela de San Xulián de Requeixo, o antigo e xenuíno nome da parroquia que será recuperado no próximo Nomenclátor de Galicia, despois de constar como San Xulián de Pontecesures ata o ano 2003", detalla o experto.
- Vientos huracanados, lluvias persistentes y descenso de la cota de nieve: el temporal sacude a Galicia esta semana
- Lavacolla se libra de momento de almacenar misiles de guerra por el limitado perímetro de seguridad
- Paro total de los buses urbanos en Santiago: la quinta jornada de huelga comienza sin servicios mínimos
- Fray Tomás, párroco de Conxo: «No quiero acostumbrarme al deterioro del templo»
- El Grupo Pérez Rumbao abre el nuevo concesionario oficial Volkswagen en Santiago
- El final de una bonita historia: la joven que buscaba a una pareja de ancianos de Santiago localiza a su hija
- No es spam: todo lo que debes saber del mensaje masivo del Sergas y el virus respiratorio sincitial
- Galicia protege a la última pareja que cría en la península de un singular pájaro