Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

NADAL

Música, cotillón e lambetadas nas Prebadaladas de fin de ano en Ames

Haberá mochilas vibratorias e intérprete para persoas con discapacidade auditiva

O alcalde, Blas García, no centro, na presentación do programa das Prebadaladas.

O alcalde, Blas García, no centro, na presentación do programa das Prebadaladas. / Cedida

Ames

O Concello de Ames presentou a programación da quinta edición das Prebadaladas de fin de ano o próximo 31 de decembro, a partir das 11.30 horas da mañá.

A cantante e artista Fátima Pego será a presentadora, e actuarán o grupo galego The Crooners e os gañadores do concurso Baila con Ames 2025. Haberá cotillón, arandos, lambetadas e mochilas vibratorias para as persoas con discapacidade auditiva e intérprete de lingua de signos.

Ás Prebadaladas deste ano súmanse novas iniciativas como o Tardeo da praza do Concello e maila Festa de Fin de Ano, que se vai celebrar no pavillón municipal de Bertamiráns, e para a que xa se venderon 800 entradas. A celebración conta este ano co apoio de Mahou, Feiraco, Asador Vacavella e a froitería Tómate más Fruta.

Cartel promocional das Prebadaladas 2025 de Ames.

Cartel promocional das Prebadaladas 2025 de Ames. / Cedida

O alcalde, Blas García, presidiu o acto de presentación, xunto coa concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz. Participaron tamén Fátima Pego, que será a presentadora; Marcos Gómez, Erick Rod e Joao Paiva, do grupo musical The Crooners; Rubén Capelán, socio da cooperativa Mada producións, que achegará as mochilas vibratorias para as persoas con discapacidade auditiva; Germán Mariño, xerente do Asador Vacavella; Antón Carro, xestor da empresa Mahou-San Miguel na comarca de Santiago; e Beatriz López, xerente de Xuntanza de Empresarios de Ames.

O rexedor explicou que se trata dunha iniciativa que se celebra dende hai anos e que «en todas as edicións tivo moi boa participación por parte da veciñanza de Ames, e incluso de persoas dos concellos da contorna». Trátase, engadiu «dunha actividade moi familiar na que se xuntan na praza do Concello, pais, nais, nenos e xente maior».

Ademais destacou que «as persoas que teñen algún tipo de discapacidade auditiva poden participar con normalidade. Xa o ano pasado o fixemos, e levamos varios eventos como o Millarock no que ofrecemos esta posibilidade. Estamos preocupados pola integración de todas as persoas e deste xeito poden participar neste evento», subliñou.

Blas García incidiu en que «todas as actividades do Nadal teñen un dobre obxectivo: a participación da veciñanza para que poidan saír á rúa a desfrutar do Nadal, e reforzar e dinamizar o comercio local e a hostalería amesá.

Tracking Pixel Contents