A Casona de Mouriscade acollerá a vindeira Matanza do Porco de Lalín, organizada por veciños de catro parroquias
Celebrarase o domingo 25 de xaneiro a cargo da área Vía da Prata, conformada por Botos, Donsión, A Xesta e Vilanova

Pola esquerda, os pedáneos Manuel García, Luis Rodríguez, Gumersindo Ferradás e Antonio Pereiro e o concelleiro José Cuñarro. / Cedida
A XXVI edición da Matanza Tradicional do Porco que se celebrará en Lalín o domingo, 25 de xaneiro de 2026, será a primeira da historia organizada por unha área parroquial: a da Vía da Prata, segundo explicou o concelleiro de Festas e de zona, José Cuñarro.
Cómpre indicar que se tomou este acordo na reunión mantida o 10 de decembro entre o Goberno local e os pedáneos para descentralizar as actividades cara ao rural e propiciar o achegamento de servizos ás parroquias.
Nese encontro realizouse o sorteo por áreas da Matanza que quedou do seguinte xeito: Vía da Prata organizaraa en 2026; Val do Arnego en 2027; Val do Deza en 2028; Entre Ríos en 2029; A Balouta en 2030; Alto de Vales en 2031; Val do Boi en 2032 e Carrio Sur en 2033. Así, nesta edición traballarán conxuntamente os veciños de Botos, Donsión, A Xesta e Vilanova baixo a denominación común de área parroquial Vía da Prata.
Cuñarro avanza que “A Casona de Mouriscade é o lugar elixido para levar adiante a recreación tradicional do evento, xa que é un espazo idóneo para ser desenvolta”. “Así o decidimos por unanimidade o pasado 13 de decembro, nunha reunión mantida entre os pedáneos da Vía da Prata e eu mesmo”, subliña.
A Casona é un exemplo destacado de arquitectura señorial rural no municipio de Lalín, composta de cantería de granito e que ten elementos funcionais como balconadas, escaleiras exteriores e dependencias anexas para usos agrícolas (hórreo, capela, forno e unha cociña tradicional da aldea con cociña económica e lareira no mesmo habitáculo). É unha mostra dunha casa fidalga, ligada a unha explotación agrícola que, como outras grandes casas da época, cumpría unha dobre función: residencial, como vivenda principal de familia propietaria, e produtiva, como centro de xestións de terras e bens.
Este inmoble actualmente é de titularidade municipal, xunto a outros en desuso vinculados á finca de Mouriscade, desde que en agosto de 2024 a Deputación llos cedeu ao Concello, un trámite que se asinou ante notario.
Como nota destacada, cómpre indicar que este ano se cumpren dúas décadas de que se fixera a Matanza nese mesmo lugar, organizada polas parroquias de Doade e Vilanova (en 2006).
Agradecemento aos pedáneos
O concelleiro quixo agradecer en persoa aos pedáneos das catro parroquias que conforman Vía da Prata a súa predisposición, "xa que hai menos dunha semana que se celebrou o sorteo, e ao día seguinte de realizalo xa me chamaron para amosar a súa vontade a colaborar cen por cen para organizar a Matanza, dado que hai un tempo reducido para a súa celebración", dixo.
“A organización vai correr a cargo das catro parroquias baixo a denominación única de Vía da Prata porque queremos priorizar e visualizar as áreas parroquiais. Aínda que os pedáneos (Luis Rodríguez Rozas, de Botos; Antonio Pereiro Estévez, de Donsión; Gumersindo Ferradás López da Xesta e Manuel García Gómez de Vilanova) farán unha reunión por cada parroquia (Botos e Donsión celebrarán sendas reunións este venres 19 e A Xesta e Vilanova durante esta fin de semana), o venres 2 de xaneiro de 2026 haberá unha xuntanza ás 20.30 h no local social de Botos cos catro pedáneos e os veciños de todas as parroquias que desexen participar na organización da Matanza para facer xa a distribución de tarefas”, salienta.
Cuñarro remarca que “organizar a Matanza na casona de Mouriscade tamén vai valer para se nalgunha área, por calquera motivo non dispoñen de lugar axeitado para a realización da Matanza, teñan á súa disposición este inmoble que é do Concello para poder desenvolvela”.
"Queremos convidar a todas as áreas parroquiais e ao casco urbano a que o vindeiro 25 de xaneiro se acheguen ata Mouriscade para colaborar e axudar nunha das tarefas máis importantes e enxebres de todas as casas porque tradicionalmente era asegurar a comida para todo un ano”, engadiu.
- Vientos huracanados, lluvias persistentes y descenso de la cota de nieve: el temporal sacude a Galicia esta semana
- Lavacolla se libra de momento de almacenar misiles de guerra por el limitado perímetro de seguridad
- Paro total de los buses urbanos en Santiago: la quinta jornada de huelga comienza sin servicios mínimos
- Fray Tomás, párroco de Conxo: «No quiero acostumbrarme al deterioro del templo»
- El Grupo Pérez Rumbao abre el nuevo concesionario oficial Volkswagen en Santiago
- El final de una bonita historia: la joven que buscaba a una pareja de ancianos de Santiago localiza a su hija
- No es spam: todo lo que debes saber del mensaje masivo del Sergas y el virus respiratorio sincitial
- Galicia protege a la última pareja que cría en la península de un singular pájaro