Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

OCIO

Inclusión, solidariedade e deporte no Pekecrossfit de Carballo

A iniciativa do CCA incluirá propostas de sensibilización

A actividade desenvolverase na carpa situada na Praza do Concello.

A actividade desenvolverase na carpa situada na Praza do Concello. / C. Carballo

Carballo

O Centro Comercial Aberto (CCA) de Carballo organizará o I Pekecrossfit Inclusivo, unha actividade pioneira que combina deporte, inclusión, solidariedade e diversión para comezar o ano con enerxía e con valores.

O evento, patrocinado pola empresa Vázquez y Reino en beneficio da asociación Un paso máis, celebrarase o domingo 4 de xaneiro en horario de mañá e tarde na carpa situada na Praza do Concello.

Cartel promocional do peKecrossfit organizado polo CCA de Carballo.

Cartel promocional do Pekecrossfit organizado polo CCA de Carballo. / Cedida

O circuíto, pensado especialmente para nenos e nenas menores de 12 anos, contará cunha ampla variedade de estacións adaptadas, con probas de equilibrio, obstáculos, forza, axilidade, saltos e outras actividades deseñadas para garantir unha experiencia segura, accesible, divertida e inclusiva.

Se o tempo o permite, a entidade beneficiaria tamén sumará ao programa varias propostas de sensibilización, como fútbol con balóns sonoros, retos adaptados para persoas con mobilidade reducida e xogos cooperativos, reforzando o carácter inclusivo da xornada.

A actividade desenvolverase en dobre horario, de 12.00 a 14.00 e de 17.00 a 19.30 horas, permitindo a participación de forma ordeada e escalonada ao longo de todo o día.

Inscricións abertas

A inscrición, dispoñible desde hoxe 15 e ata o 30 de decembro en carballo.gal, ten un prezo simbólico de 3 €/persoa, que se destinarán integramente aos programas de inclusión de Un paso máis. As prazas, que son limitadas (200), iranse cubrindo por orde de inscrición.

O importe aboarase na propia carpa antes de comezar a proba, onde cada neno e nena recibirá ademais un peto conmemorativo desta primeira edición. E as 50 primeiras inscricións levarán, como agasallo adicional, unha entrada dobre para o cine.

Quendas de participación

Para garantir unha maior participación e evitar agardas, establécense quendas distribuídas ao longo da mañá e da tarde. Cada inicio de quenda contará cun espazo reservado de 15 minutos para participantes con necesidades de apoio e acompañamento, co obxectivo de ofrecer ritmos máis flexibles e unha adaptación axeitada ás súas necesidades.

Tracking Pixel Contents