Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

PRESENTACIÓN

Investimentos e servizos suman o 63% do orzamento máis alto da historia de Carballo

No 2026 non se modificará ningunha taxa nin ningún imposto

Daniel Pérez e Belén Lendoiro presentando o orzamento de 2026.

Daniel Pérez e Belén Lendoiro presentando o orzamento de 2026. / C. Carballo

Carballo

O alcalde de Carballo, Daniel Pérez, e a concelleira de Facenda, Belén Lendoiro, presentaron o orzamento máis alto da historia do concello: 37,6 millóns de euros, o que supón un incremento do 11,12% respecto ás contas de 2025. Un aumento que obedece, principalmente, á consecución de 6,5 M€ dos fondos europeos Edil.

A suma de investimentos e prestación de servizos supón o 63% do orzamento. Dous capítulos que marcan «a liña estratéxica do Goberno municipal, no que apostamos pola mellora e reforzo continuo dos servizos públicos, e por manter un ritmo de investimentos que permitan seguir mellorando o noso concello coa máxima de que Carballo sexa un bo lugar para vivir», dixo Pérez.

Entre os investimentos destacan os destinados ás redes de abastecemento de auga e saneamento dos lugares da Grela e O Monte (571.815 €); a humanización da avenida de Fisterra, en convenio coa Xunta (510.815 €); a reurbanización das rúas Cervantes, parte da Gran Vía, Túnel, Cesteiros e Praza do Concello (case 1 M€); a Praza de Vigo (337.500 €); ou a rede de abastecemento desde OAlmacén ata Vilar de Francos, en Artes (299.587 €). Tamén se reformará a primera planta do mercado (332.750 €).

O alcalde destacou, así mesmo, os investimentos en instalacións deportivas: 137.615,84 euros para a primeira fase da cidade deportiva, 155.000 para a reforma da pista de atletismo do Chorís, 70.000 para a iluminación do campo de fútbol do Carral, 60.000 para equipamento deportivo ou 45.000 para a reforma da pista polideportiva da Praza da Milagrosa.

Promoción empresarial

Outras áreas estratéxicas son a promoción empresarial, con novos investimentos no polígono de Bértoa por valor de 60.000 euros; a cultura, con partidas que abranguen desde a reforma do Pazo da Cultura ata a instalación de redes wifi gratuítas nos centros sociais; a posta en valor das zonas verdes e dos espazos naturais, con propostas con a segunda fase da renovación das pontes de madeira no paseo do Anllóns, por 125.000 euros; a creación dunha nova zona verde no Rego da Balsa e a renaturalización dese ámbito, por 486.500, ou a mellora dos parques infantís, por 150.000.

Daniel Pérez destacou tamén o incremento da partida destinada ao mantemento de vías no rural, un 69,49% máis ca este ano, ata acadar os 300.000 euros, sen contar a pavimentación de accesos a vivendas ou o plan de camiños financiado con fondos Agader. No ámbito urbano continuarase coa mellora da accesibilidade e a construción de beirarrúas provisionais en distintos ámbitos pendentes de urbanización.

No capítulo de servizos, Belén Lendoiro destacou o aumento do 52% na limpeza de praias para poder realizala cada vez máis de xeito manual, ou o 23,33% de suba da partida para lacería e canceira co obxectivo de poder empezar a traballar coas colonias felinas.

Cultura, deportes e educación

Cultura, deportes, promoción económica, educación... áreas estratéxicas para o goberno municipal, acaparan o 27,21% do orzamento, pero tanto o alcalde como a concelleira destacaron o reforzo no gasto social, con máis de seis millóns de euros, para cubrir as necesidades da poboación.

Dous millóns van destinados ao servizo de axuda no fogar, que vai en aumento cada ano. "Os concellos temos que compensar as carencias de financiamento do Estado e da Xunta. Non é un problema exclusivo de Carballo, senón de todos os concellos, e esixe unha solución máis pronto ca tarde, porque a este ritmo o sistema pode chegar a colapsar", afirmou o alcalde carballés.

A única factura que baixará o ano que vén é a da luz. Despois de dous anos de subas constantes, no 2026 o Concello de Carballo pagará 1,2 millóns menos por este concepto.

En materia de persoal, o Concello de Carballo xa incorpora no orzamento a recente suba dos salarios dos traballadores públicos aprobada polo Goberno do Estado, o que supón un aumento de 500.000 euros.

“Estes orzamentos poñen de manifesto a fortaleza do Concello de Carballo, a estabilidade e unha ampla marxe para manter a carga impositiva”, apuntou Belén Lendoiro. Neste sentido, a concelleira de Facenda destacou que no 2026 non se modificará ningunha taxa nin ningún imposto.

Tracking Pixel Contents