Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

CORPORACIÓN

O pleno de Ames aprobará a cesión de seis parcelas para vivenda protexida

Debaterá o plan económico-financieiro para o período 2025-26

Salón de plenos da casa consistorial de Ames.

Salón de plenos da casa consistorial de Ames. / Cedida

Ames

A Corporación de Ames celebrará o venres, ás 9.30 horas, un pleno extraordinario no que, entre outros asuntos, se aprobará, se procede, a cesión de seis parcelas á Sociedade de Vivenda Pública de Galicia S. A. (Vipula) para a construción de nova vivenda de protección oficial no Milladoiro.

Ratificarase así o convenio asinado o 20 de xuño entre a Xunta de Galicia e o Concello de Ames. Cinco parcelas atópanse na área residencial do plan parcial do sector S-16 Galdrachán, e outra no plan parcial do sector S-15, Travesía do Porto Sur.

En total cédense 6.152 metros cadrados de terreo, que se poden urbanizar, e no que se poden construír 218 vivendas. Estímase que en Galdrachán se van construír 140 vivendas e na parcela que linda coa rúa Agriños outras 78.

Os concelleiros amienses estudarán tamén a actualización puntual do inventario municipal de bens do Concello de Ames, que data do ano 1996. A derradeira rectificación aprobouse no pleno do 27 de febreiro de 2025. Dende o goberno local xustifican a actualización puntual para poder incluír no inventario as seis parcelas nas que se pretende construír as vivendas de protección oficial.

Plan económico-financieiro

Na sesión tamén se debaterá a aprobación do Plan económico-financeiro do Concello de Ames para o período 2025-2026, que permita o cumprimento dos obxectivos de estabilidade e a regra de gasto. O Concello de Ames pechou o exercicio de 2024 incumprindo a regra de gasto e o principio de estabilidade orzamentaria, polo que debe elaborar este plan económico-financieiro.

Asemade, a Corporación debaterá a proposta de recoñecemento extraxudicial de crédito 3/2025 por importe de 61.259,60 euros, para facer fronte a gastos realizados no exercicio de 2024 sen o correspondente soporte contractual. Todos os gastos incluídos nos expedientes de dito recoñecemento responden a obrigas económicas pendentes de imputación orzamentaria e pago.

Tracking Pixel Contents