Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

SERVIZOS

A renovada rede de auga da Laracha garante o abastecemento ata 2044

O investimento de 1,85 M€ foi financiado pola Xunta e o Concello

O alcalde, á dereita, e a conselleira, na estación de tratamento de auga potable.

O alcalde, á dereita, e a conselleira, na estación de tratamento de auga potable. / X. G.

A Laracha

A Xunta de Galicia acaba de completar as obras de mellora da rede de abastecemento da Laracha, unha actuación cun investimento de 1,85 millóns de euros e grazas á cal se reforza e garante a subministración de auga no municipio ata o ano 2044.

A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, acompañada do alcalde, José Manuel López, visitou a Estación de Tratamento de Auga Potable (ETAP) de Gabenlle para dar conta dos traballos acometidos ao abeiro do convenio de colaboración subscrito entre Augas de Galicia e o Concello da Laracha.

Grazas á intervención garántese unha subministración fiable a medio e longo prazo. Así, os traballos acometidos resolven os problemas de presión existentes nalgunhas zonas do municipio e incrementan a capacidade de almacenamento de auga no sistema para ofrecer unha resposta acorde ao aumento da demanda no verán e ás necesidades derivadas do futuro desenvolvemento do parque empresarial larachés.

En concreto, entre as actuacións executadas cómpre destacar a instalación dun novo bombeo de alta na potabilizadora en substitución do existente e a construción dun depósito de auga cunha capacidade de 2.300 m3 e dous vasos independentes.

Ademais, tamén se acometeu a instalación dunha rede de condución por impulsión entre a ETAP e o novo depósito e dunha condución por gravidade entre este novo depósito e o existente.

O Concello aportou o 20%

Ao respecto, a conselleira lembrou que o custo dos traballos foi asumido nun 80% polo organismo hidráulico, e nun 20% polo Concello, co cofinanciamento europeo a través de fondos do programa Feder Galicia.

En 2026 o organismo hidráulico volverá convocar axudas dirixidas a entidades locais e destinará 7 de cada 10 euros do seu orzamento a abastecemento e saneamento (108,7 millóns) e case a metade (73,6) a investimentos de mellora ou construción de infraestruturas hidráulicas.

Ángeles Vázquez visitou tamén o punto limpo municipal, en funcionamento desde 2023. Debido á necesidade dalgunhas melloras, o Concello solicitou acollerse ás axudas convocadas pola Xunta e recibiu unha achega de 129.984,37 euros para incorporar unha parcela limítrofe e crear novas áreas específicas destinadas ao almacenamento de vidro, plásticos agrícolas, restos de poda, madeira e cartón.

Tracking Pixel Contents