Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Estes son os gañadores do certame fotográfico de Ames

Organizado pola asociación Novo Milladoiro, repartiu 1.200 € en premios

As autoridades cos gañadores do certame.

As autoridades cos gañadores do certame. / Cedida

Redacción

Ames

A casa da cultura do Milladoiro (Ames) acolleu a entrega de premios do XI Certame de Fotografía Comercial da Asociación de Empresarios do Parque Empresarial Novo Milladoiro. No acto, presentado polo cantautor e monologuista Manolo Boquete, proxectáronse todas as imaxes presentadas ao concurso.

O primeiro premio, dotado con 500 €, foi para Samuel Pájaro Otero, co seu traballo A forxa da luz, na que se aprecia un soldador en pleno traballo e que aproveita de maneira maxistral a luz propia da escena xerada polas iscas das ferramentas, logrando un contraste harmonioso nun entorno escuro.

O segundo premio, de 400 €, foi para Aarón Sánchez, pola imaxe Fin de xornada, un primeiro plano dun cartel do parque empresarial do Milladoiro que recibe de pleno a luz solar do solpor. Un traballo no que destaca «o carácter narrativo e atmosférico», segundo o xurado.

O terceiro premio, de 300 €, foi para a fotografía Xagal, de Isaac Mayo Figueroa, instantánea ao vehículo da empresa de xanelas e cerramentos coa cerraxería máis robusta do mercado: Kommerling, na que o fotográfo aproveita a luz natural co ceo cuberto, de forma que as nubes actúan como difusor suavizando sombras duras.

«O ambiente escuro resalta as cores corporativas, azul e branco do vehículo», segundo o xurado.

A exposición de todas as fotografías presentadas ao concurso poderá ser visitada de maneira presencial ata o vindeiro sábado 31 de xaneiro no segundo andar da casa da cultura do Milladoiro. Tamén poden verse no Facebook da citada asociación empresarial.

Ao acto de entrega dos galardóns asistiron o alcalde de Ames, Blas García; a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz; o concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Gustavo Nieto; e o presidente da Asociación do Parque Empresarial Novo Milladoiro, Javier Santos Blanco.

Tracking Pixel Contents