Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

A Estrada, Negreira e Santa Comba brindan polo seu topónimo común

Os alcaldes dos tres concellos participaron nun acto na localidade estradense de A Negreira

Pola esquerda, os alcaldes de Negreira, A Estrada e Santa Comba.

Pola esquerda, os alcaldes de Negreira, A Estrada e Santa Comba. / Cedida

A Estrada

A Estrada acolleu este sábado o encontro de irmandade entre os tres municipios de Galicia que comparten o topónimo Negreira: os de Negreira, Santa Comba (pola súa parroquia de Negreira) e A Estrada, onde figura un lugar con nome de A Negreira, na parroquia de San Miguel de Barcala.

Baixo o lema As tres Negreira de Galicia, o acto celebrouse ao mediodía no lugar de Negreira e nel participaron o alcalde estradense, Gonzalo Louzao, e os rexedores de Negreira, Manuel Ángel Leis Míguez, e de Santa Comba, Alberto Romar Landeira.

Xunto a eles estiveron tamén o historiador Xosé Amancio Liñares Giraut e Fernando Cabeza Quiles, experto en toponimia.

A iniciativa xurdiu de Liñares Giraut, quen propuxo ao Concello de Negreira levar a cabo un primeiro encontro no mes de setembro de 2024 no que tamén participou o referido filólogo e no que A Estrada estivo representada pola edil Amalia Goldar Cora.

Asistentes ao acto celebrado este sábado na Estrada.

Asistentes ao acto celebrado este sábado na Estrada. / Cedida

Cabeza Quiles aludiu entón ao falso xentilicio “nicrariense”, pois lembrou que no ano 1005 un monxe recreou a traslatio dende Dugium, a actual Fisterra, dos restos do apóstolo Santiago, que terían pasado por unha localidade identificada como Portus Nicrariae, pero non Nicraria.

Co acto na Estrada pecharase o ciclo, despois de teren organizado un evento de irmandade similar nos outros dous municipios galegos nos que existe este topónimo.

Tracking Pixel Contents