Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

MOBILIDADE

Dúas sendas peonís para reforzar a seguridade viaria en Negreira

A Deputación da Coruña investirá 725.971 euros

Pleno da Deputación da Coruña.

Pleno da Deputación da Coruña. / D. C.

Negreira

O pleno da Deputación da Coruña aprobou por unanimidade a execución de tres proxectos destinados a mellorar a seguridade viaria na rede provincial de estradas, cun investimento total de 1.353.813 euros. As actuacións levaranse a cabo en Negreira, Valdoviño e Cambre.

No concello de Negreira aprobouse o proxecto de execución de sendas peonís nas estradas provinciais DP-5602, que une a capital municipal e Pontenafonso, e a DP-1302, que comunica Negreira con Brión. O orzamento é de 725.971 euros.

A actuación contempla a construción dunha senda peonil en ambas estradas co obxectivo de mellorar a seguridade viaria. Terán dous metros de ancho e, para que isto sexa posible, será necesaria a execución de muros de pedra granítica para a contención de terras, así como bordos de formigón prefabricado nas zonas onde non sexa posible dispoñer dun muro.

Renovación da drenaxe

O proxecto inclúe tamén melloras na intersección da estrada DP-5602, ampliando a plataforma e executando cuñas de acceso e saída. Do mesmo xeito, prevese a renovación do sistema de drenaxe, a canalización para alumeado público e a reposición da sinalización e a colocación dunha varanda de aceiro nos treitos con muro.

Valdoviño e Cambre

O pleno tamén deu luz verde á mellora da seguridade viaria na estrada DP-2502, no lugar de Vilaboa, en Valdoviño, cun investimento de 384.568 euros. As obras consisten na ampliación da plataforma da estrada para acadar dous carrís de circulación de tres metros de ancho cada un, así como na execución dunha beiravía exterior de dous metros destinada ao tránsito peonil. Ademais, renovarase a sinalización e instalaranse redutores de velocidade.

Por último, para Cambre aprobouse o proxecto técnico de mellora da intersección da estrada DP-0102 no punto quilométrico 1+600, de Lema a Orto, cun orzamento de 243.274 euros. A actuación consiste na transformación da actual intersección en T nunha semiglorieta cun carril central de espera, co fin de reducir o risco de accidentes e facilitar unha circulación máis fluída e ordenada.

O proxecto inclúe a demolición e retirada de elementos para proceder ao movemento de terras necesario para a ampliación da plataforma. Do mesmo xeito, contémplase a execución do novo drenaxe e dun renovado alumeado adaptado á nova sección; a execución de firmes e pavimentos necesarios e a reposición de cerres e accesos existentes ás parcelas. Por último, procederase á reinstalación da sinalización vertical e horizontal.

Tracking Pixel Contents