Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

OBRAS

De casa do conserxe a local social en Mazaricos

A Deputación financia o acondicionamento no CEIP de Pino de Val

Cristina García, esquerda, Juan José Blanco e Sol Agra no Pino de Val.

Cristina García, esquerda, Juan José Blanco e Sol Agra no Pino de Val. / Cedida

Mazaricos

A deputada de Plans Provinciais e Asistencia a Concellos da Deputación da Coruña, Cristina García, visitou en Mazaricos a obra de rehabilitación da casa do conserxe do antigo CEIP Pino de Val.

Esta actuación, na que o Concello investiu 123.000 € do Plan Único, permitirá recuperar un espazo que permanecía en desuso para convertelo nun local social.

Na visita, García Rey estivo acompañada polo alcalde, Juan José Blanco, e pola tamén deputada Sol Agra. A responsable de Plans Provinciais destacou que é «unha satisfacción» contribuír á recuperación dun local «e darlle unha segunda vida poñéndoo ao servizo dos veciños e das veciñas».

Calidade de vida no rural

Subliñou tamén a importancia de apoiar as entidades locais na posta en valor de equipamentos públicos que reforzan a cohesión social e melloran a calidade de vida no medio rural.

O alcalde agradeceulle á Deputación o apoio para emprender «unha obra tan necesaria» coma esta. Tamén puxo en valor a contía dos investimentos do Plan Único da Deputación no municipio, imprescindíbeis para cuestións como «o abastecemento de auga, a mellora de viais e outros servizos que dificilmente poderíamos levar adiante no día a día para un Concello das nosas dimensións».

Desde o ano 2017, Mazaricos recibiu 10,3 millóns de euros do Plan Único da Deputación (POS); deste total, 2,1 foron no ano 2025. Xa está prevista a primeira achega do ano 2026, que ascenderá a case 1,2 millóns de euros.

Tracking Pixel Contents