Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

VANDALISMO

Un incendio queima parte das papeletas que optan aos premios do CCA de Carballo

A entidade lamenta o "feito incívico" e segue adiante coa campaña

Urna da Globoteca do CCA que foi afectada polo incendio.

Urna da Globoteca do CCA que foi afectada polo incendio. / CCA Carballo

Carballo

A urna da Globoteca, na que o Centro Comercial Aberto (CCA) de Carballo recollía as papeletas que optan aos premios de Nadal, sufriu un incendio a pasada noite e, á espera de determinar as causas, todo apunta a un acto vandálico.

Afortunadamente, non houbo que lamentar danos maiores, xa que nin a urna nin o propio local da Globoteca —situado no baixo dunha vivenda entre as rúas Desiderio Varela e Colón— resultaron afectados na súa estrutura.

Desde o CCA lamentan "profundamente este feito incívico", e aseguran que "o acontecido non vai frear nin a ilusión nin a maxia que rodean estas datas tan especiais". Por iso, animan á veciñanza a seguir participando na campaña, solicitando as súas papeletas coas compras realizadas e depositándoas na urna, que permanecerá situada no seu lugar habitual.

Así mesmo, tentarán recuperar o maior número posible de papeletas afectadas, que se sumarán ás que se vaian depositando ata o día do sorteo, que terá lugar en directo o 9 de xaneiro.

"Queda moita campaña por diante e moitas papeletas aínda por repartir. Que siga a ilusión!", conclúen.

Tracking Pixel Contents