Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

EDUCACIÓN

Dobre premio nacional para centros de Zas por fomentar as competencias dixitais

O Ministerio distinguiu os proxectos de Lorena Cerdeira, Fina Paulos e Óscar Rey

Fina Paulos e Óscar Rey, dous dos premiados, son autores tamén de varios libros.

Fina Paulos e Óscar Rey, dous dos premiados, son autores tamén de varios libros. / Cedida

Zas

Os centros educativos de Zas están de noraboa tras conquistar dous galardóns nos I Premios Nacionais a Experiencias Educativas que fomentan as competencias dixitais e STEM (ciencia, tecnoloxía, enxeñería e matemáticas polas súas siglas en inglés), convocados polo Ministerio de Educación.

Unhas distincións que recaeron nos proxectos Clics seguros en Zas, coordinado pola profesora Lorena Cerdeira do CPI de Zas, e Miño en xogo, dos docentes Fina Paulos e Óscar Rey, do IES Maximino Romero de Lema, de Baio.

Os proxectos foron galardoados co primeiro premio na categoría de elaboración de recursos educativos abertos para alumnado de ESO, un deles na modalidade individual e outro na de grupo. Ambas iniciativas derívanse de diversos programas postos en marcha pola Xunta de Galicia para favorecer a competencia dixital entre os estudantes.

Riscos e ameazas da rede

Neste sentido, o proxecto do CPI de Zas foi elaborado a partir da aplicación do recurso educativo aberto Sen medo a facer clic do proxecto cREAgal, a plataforma de contidos educativos en aberto que impulsa a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.

"É, polo tanto, o exemplo de como se pode adaptar un destes recursos que a Xunta pon a disposición de toda a comunidade educativa galega á realidade concreta dun centro para acadar o maior aproveitamento do mesmo", subliñan dende a Consellería.

Clics seguros en Zas ten como obxectivo a sensibilización do alumnado de toda a ESO sobre os riscos e ameazas existentes na rede e nos dispositivos, educando no uso seguro da tecnoloxía dixital.

Ademais, o proxecto fai fincapé nas dificultades que orixina a fenda dixital. Este proxecto recibiu tamén o premio do II Concurso de iniciativas didácticas sobre Tecnoloxía para o Ben Común que organiza Enxeñería sen fronteiras.

Uso de intelixencia artificial

Pola súa banda, a iniciativa do IES Maximino Romero de Lema, promovida por Fina Paulos e Óscar Rey, é tamén un recurso educativo aberto creado a partir dunha experiencia didáctica desenvolvida no curso 24/25. Aínda que o proxecto orixinal ten un soporte físico, nun taboleiro de madeira elaborado no centro co programa Polos Creativos da Xunta, adaptouse para convertelo nun recurso aberto, reutilizable e replicable en calquera centro do Estado, independentemente do seu contexto, que é precisamente o obxectivo de cREAgal.

Miño en xogo é unha proposta de gamificación que combina a tradición coa tecnoloxía para dar a coñecer a diversidade, historia, patrimonio e xeografía de Galicia a través do curso do río Miño.

O proxecto inclúe o uso tanto da intelixencia artificial como da radio, onde se gravaron as preguntas do xogo, e afonda en cuestións como a igualdade de xénero ou o compromiso social, entre outras.

A iniciativa recibiu tamén o premio Xigante Argalleiro do programa Tech Kids da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) e o Colexio Profesional de Enxeñaría Informática de Galicia.

Tracking Pixel Contents