ACTO
"Humilde e moi sentida» homenaxe ao artista Manuel Facal en Carballo
Case 200 das súas obras forman xa parte do patrimonio local

O alcalde e familiares de Manuel Facal na homenaxe que lle renderon diante da súa casa. / C. C.
Carballo rendeu unha «humilde pero moi sentida» homenaxe ao artista Manuel Facal. Así a definiu o alcalde, Daniel Pérez, no acto público que se celebrou ao pé da casa na que viviu.
O emblemático edificio situado na esquina das rúas Desiderio Varela e Coruña é un dos máis altos da vila e foi o primeiro que tivo ascensor, dúas características que ben poderían asociarse á traxectoria artística de Facal, porque foi, como lembrou a súa sobriña Eva Facal, “un dos artistas galegos máis renovadores do último medio século”.
Coa súa obra, que forma parte das coleccións permanentes dalgúns dos principais museos do mundo, situou Carballo no mapa internacional da creación artística.

Asistentes á homenaxe ao artista carballés Manuel Facal. / C. C.
«Manuel estaría moi contento co día que eliximos, porque é un día con moitísima luz», dixo o alcalde, quen expresou tamén o agradecemento do pobo de Carballo por poder coñecer e desfrutar dun artista do nivel de Manuel Facal, «pintor, gravador e escultor de talla mundial, artista total, inquieto e vangardista, viaxeiro... pero que, fose onde fose, sempre levou Carballo na cabeza e no corazón».
Daniel Pérez destacou non só a talla artística senón tamén a talla humana de Facal, «unha gran persoa, boa e xenerosa».
Grazas a esa xenerosidade, e a de dúas das súas herdeiras, o patrimonio artístico dos carballeses e das carballesas incorpora case duascentas obras de Facal. Pinturas, libros de autor, esculturas e gravados, entre eles o titulado Sisarga, que ocupa xa un lugar privilexiado no despacho do rexedor. Ao seu carón asinouse o acordo de cesión do seu legado.
"Adquirimos non só unhas obras de inmensa calidade, senón tamén o compromiso de conservalas, contextualizalas e poñelas en valor para cumprir o desexo de Manuel de que a súa obra pertencese ao pobo de Carballo", dixo o alcalde.
Eva Facal, sobriña do artista e herdeira da súa inquedanza creadora, confirmou que unha das últimas “ilusións e vontades” de Manuel Facal "era que Carballo tivese un centro de arte dedicado á súa obra que servise de motor cultural para Bergantiños e desde o que fomentar as vocacións artísticas. Hoxe, coa transmisión destas obras, cumprimos a primeira parte desa ilusión despois dun proceso longo, que non foi fácil".
As sobriñas de Manuel Facal que asinaron o documento, Eva Facal e Alejandra Mareque, agradeceron o apoio do Concello de Carballo e de dúas persoas que foron clave neste proceso, Xaime Díaz e José Antonio Viña.

Sinatura do acordo para incorporar ao patrimonio local case 200 obras de Facal. / C. C.
"A partir de hoxe -dixo Eva- empeza outra fase non menos importante: conservar a obra, dala a coñecer, dinamizala e poñela en valor, converter este legado nun activo cultural para Carballo de interese para o veciños pero tamén para os visitantes de fóra… Parece ser que se está traballando en buscarlle un emprazamento definitivo pero somos conscientes de que para iso faltan anos".
Ata entón, engadiu, desde a Fundación Manuel Facal, "o noso desexo que a obra sexa exposta nun espazo significativo na mente das carballesas e carballeses, céntrico, frecuentado e accesible para todo o que veña á comarca. Esa sería a mellor maneira de honrar a súa memoria".
Ao acto formal de sinatura do acordo entre o Concello de Carballo e as dúas herdeiras asistiron familiares de Manuel Facal, os voceiros dos dous grupos da oposición municipal e varios concelleiros e concelleiras do goberno, e representantes da Fundación Facal, entre eles o ex alcalde Evencio Ferrero.
- La inminente apertura de la A-54 convierte Lavacolla en aeropuerto central del Bierzo
- Galicia se congela con el aire polar: un nuevo frente de frío, nieve y granizo llega para comenzar la semana
- Los sindicatos del transporte solicitan reunirse con la patronal: «Agardamos unha proposta seria»
- La transformación del conector central de Santiago: 22 equipos presentan sus propuestas y solo 5 pasarán a la final
- Impresionante chalet de obra nueva a las puertas de Santiago: diseño, eficiencia y naturaleza en un entorno privilegiado
- Polémica en Santa Marta por una obra autorizada junto a un hórreo centenario: «Estamos co medo de que se nos veña todo abaixo»
- Herida una joven al chocar contra un muro y otro coche en Boqueixón
- La periodista estrella de TVE visita Santiago: Silvia Intxaurrondo llega invitada por la Fundación Araguaney