Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

FORMACIÓN

Carballo e Coristanco volven unirse para unha segunda edición do Obradoiro Lubiáns

O obxectivo é formar 20 persoas desempregadas en dúas especialidades

A primeira edición do obradoiro concluíu con éxito no mes de setembro.

A primeira edición do obradoiro concluíu con éxito no mes de setembro. / C. Carballo

Carballo

Os concellos de Carballo e Coristanco repiten o modelo de colaboración intermunicipal que tan bos resultados dou no Obradoiro Lubiáns -clausurado a mediados de setembro cunha excelente valoración, tanto pola elevada implicación do alumnado como pola calidade dos proxectos executados- e veñen de presentar unha nova solicitude conxunta para o Obradoiro Lubiáns II.

Nesta ocasión, ademais da formación de 12 alumnos na especialidade de montaxe e instalación de construcións de madeira, que foi a especialidade da primeira edición, inclúese unha segunda acción para preparar a outras 8 persoas en atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais.

"Deste xeito, o Obradoiro Lubiáns II permitiría facilitar a inserción laboral de 20 veciños e veciñas dos concellos de Carballo e Coristanco en dous ámbitos con moita demanda de persoal", subliñan.

Prácticas profesionais

O proxecto que vén de presentarse, e que debe ser aprobado pola Xunta de Galicia, establece que o alumnado de atención sociosanitaria realizará prácticas profesionais na residencia de Aspaber, nos centros de día da Xunta en Carballo e A Laracha e na asociación Íntegro, con sede en Cabana de Bergantiños.

Pola súa banda, os futuros carpinteiros e carpinteiras executarán varias actuacións: en Carballo, a renovación dos elementos de carpintaría de madeira do Horto Municipal e a fabricación de mobiliario para o mercado municipal de Carballo; en Coristanco, a construción de elementos de carpintería de madeira para a pista multideporte de Santa Marta e o acondicionamento do palco da música da Praza de Santa Marta.

Se a iniciativa sae adiante, o Obradoiro Lubiáns II desenvolverase desde o 29 de maio do 2026 ata o 28 de febreiro do 2027. O centro de formación será o Fórum Carballo, que conta cun taller de carpintería preparado e totalmente equipado, así coma con novas instalacións para a formación en atención sociosanitaria.

Selección do alumnado

A selección do alumnado irá precedida da tramitación da oferta na oficina de emprego de Carballo. As persoas aspirantes deben reunir uns requisitos mínimos, como estar desempregadas e inscritas no SPEG, ter cumpridos os 18 anos, cumprir as condicións establecidas na normativa reguladora do contrato de formación en alternancia e, por norma xeral, non ter participado en accións formativas semellantes con anterioridade.

Tracking Pixel Contents