Dodro reduce a cifra de lixo con destino a Sogama e promociona a reciclaxe
Vai adquirir 220 novos composteiros e xa habilitou un espazo para restos de poda
Sogama aporta trinta contedores domésticos máis e formará á veciñanza neste eido

Evolución do volume de lixo nos últimos anos / Concello
Co propósito de evitar a tendencia de enviar a Sogama cada vez máis lixo, e ampliar o alcance da compostaxe doméstica, o Concello de Dodro solicitará unha subvención á Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático para a adquisición de 220 novos composteiros. A idea é que un maior número de fogares poidan beneficiarse deste servizo, nunha iniciativa a desenvolver en colaboración cunha empresa especializada, que se encargará tanto da formación como do seguimento da veciñanza participante, garantindo un uso correcto e eficaz dos composteiros.
Un traballo continuado
O Concello de Dodro reafirma o seu compromiso cunha xestión responsable dos residuos urbanos, apostando decididamente pola redución, reutilización e reciclaxe como piares fundamentais para avanzar cara a un modelo máis sostible e respectuoso co medio ambiente.
Nos últimos anos, o goberno municipal vén desenvolvendo diversas actuacións orientadas a mellorar a xestión dos residuos e a facilitar a implicación activa da veciñanza. Entre estas iniciativas destaca a habilitación dun terreo municipal destinado ao depósito de ramas e restos de poda, que posteriormente son triturados, permitindo unha xestión máis eficiente e sostible dos residuos vexetais.
Así mesmo, co obxectivo de achegar os servizos de reciclaxe á cidadanía, o Concello puxo en funcionamento un punto limpo móbil que percorre as distintas parroquias do municipio, facilitando a correcta separación dos residuos e promovendo hábitos responsables entre os veciños e veciñas.
Eido doméstico
Outra das liñas estratéxicas de actuación foi o impulso da compostaxe doméstica. Neste ámbito, o Concello solicitou novamente a colaboración de Sogama, que, tras a petición municipal, comprométese a repetir a experiencia de anos anteriores mediante a cesión de 30 composteiros, acompañados de material informativo e da realización dunha charla formativa dirixida á veciñanza, co obxectivo de fomentar unha correcta xestión da fracción orgánica nos fogares.
Estas actuacións contribúen de maneira directa á protección do medio ambiente e, ao mesmo tempo, permiten conter o incremento dos custos asociados á xestión dos residuos, apostando por un modelo máis sostible, eficiente e economicamente responsable para o conxunto da cidadanía de Dodro.
- La nieve y el frío intenso regresan a Galicia: una masa de aire polar llega para desplomar las temperaturas
- La Xunta inicia el proceso para construir 36 pisos protegidos en Volta do Castro
- Cierra A Gata Tola, mítica librería de cómic en Santiago
- Un nuevo robo de oro en Trazo amplía la ola de asaltos de la Banda del Volvo
- Un famoso compostelano, la viuda de Camilo José Cela y una atleta gallega, participantes de la nueva gran apuesta de RTVE
- López Couso lanza su candidatura a rectora: «Queremos unha USC que coide das persoas que a fan posible día a día»
- El bar de Santiago que gasta 2.700 huevos al día para hacer la tortilla de la que todo el mundo habla
- El rechazo de los conductores de Santiago a los nuevos radares: 'Son recaudatorios al 100%