Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

INFRAESTRUTURAS

As obras de prolongación da autovía da Costa da Morte arrincarán en xullo

A Xunta licita por 36,3 M€ o treito entre Santa Irena e Vimianzo

O presidente da Xunta e a conselleira, en Vimianzo, con alcaldes e concelleiros da zona.

O presidente da Xunta e a conselleira, en Vimianzo, con alcaldes e concelleiros da zona. / X. G.

Vimianzo

A esperada prolongación da autovía da Costa da Morte vai collendo forma. A Xunta licitou este mércores as obras dun novo treito de 5,8 quilómetros entre Santa Irena e Vimianzo, por un importe de 36,3 millóns de euros, segundo confirmou o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, no punto de partida do novo tramo, que terá formato de vía de alta capacidade.

Rueda e Allegue con alcaldes e concelleiros de Costa da Morte.

Rueda e Allegue con alcaldes e concelleiros de Costa da Morte. / X. G.

As obras, afirmou, comezarán no mes de xullo e rematarán nun prazo de dous anos e medio. «É un treito que queda para as medras, pois chegado o momento se o índice de vehículos diarios así o aconsella converterase en autovía», subliñou Rueda.

Destacou que é «un proxecto longamente esperado pero que hoxe xa publicamos. Unha prolongación dunha infraestrutura empezada hai moito tempo e que agora dá un paso importante».

O presidente da Xunta estivo acompañado da conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, alcaldes e concelleiros da Costa da Morte.

Tramo limitado a 100 km/h

Este novo treito estará limitado a 100 km/h. As obras son, segundo a Xunta, de gran complexidade técnica, xa que inclúen a construción de dous enlaces e a previsión dun terceiro (ao parque empresarial de Vimianzo); tres viadutos; seis pasos superiores; tres pasos inferiores; e seis obras de drenaxe.

A estrutura máis singular será o viaduto sobre o río Vimianzo, que permitirá o cruzamento da vía sobre esta contorna e que terá preto de 250 metros de lonxitude. «Facer infraestruturas nunca é sinxelo, implica un esforzo orzamentario importante; pero este é outra das vantaxes de ter os Orzamentos en vigor», remarcou Rueda.

Subliñou ademais que estas actuacións permitirán conectar mellor a zona, reducir os tempos dos usuarios e seguir proporcionando comodidade e seguridade aos usuarios. «Oxalá que esta decisión sexa o principio de moitos máis investimentos que fagamos nesta comarca», apuntou.

Neste sentido, o obxectivo da Xunta é darlle continuidade ao tramo de autovía da Costa da Morte que se puxo en funcionamento no 2016, con case 28 quilómetros libres de peaxe que comunican os concellos de Carballo, Coristanco, Cabana de Bergantiños, Zas e o termo municipal de Vimianzo, ata Santa Irena.

Conxelación de peaxes

Rueda lembrou que en 2026 conxelarase a peaxe entre A Coruña e Carballo, de xeito que «un usuario que se desprace a diario, ida e volta, de luns a venres, aforrará máis de 390 euros anuais, e se o usuario é de familia numerosa ata 882 euros». Subliñou ademais que «hoxe 8 de cada 10 galegos viven a menos de 15 minutos dunha vía de altas prestacións».

A oposición critica a «propaganda» e di que «é un corredor»

A visita do presidente da Xunta xerou fortes críticas dende a oposición. Así, a deputada do PSdeG, Patricia Iglesias, que se desprazou tamén a Vimianzo acompañada polo deputado socialista Aitor Bouza e a deputada nacional Obdulia Taboadela, lamentou que «o Goberno do PP organizase un acto para anunciar unha licitación que só recolle a construción dun tramo de 5,8 quilomentos» e que «por enriba, non vai ser autovía, senón un corredor».

Asegurou que os socialistas «seguiremos reivindicando a prolongación ata Berdoias como autovía, tal como estaba previsto no proxecto orixinario do Goberno de Touriño».

Pola súa banda, o BNG pídelle ao PP «menos propaganda e máis investimentos na Costa da Morte». O deputado Oscar Insua sinalou que «hai que ter pouca vergoña e moita cara para anunciar a bombo e platillo o que é un incumprimento en toda a regra, no fondo, na forma e no tempo. Os cartos que gastan en cada parafernalia de propaganda podíanse aproveitar para centros de día ou para facer vivendas públicas na comarca».

Lembrou Insua que a autovía de Costa da Morte foi prometida no 2003, e criticou, ao igual que os socialistas, que o PP «faga propaganda dunha obra que non é a que prometeron, porque non vai ser unha prolongación da autovía, senón un corredor dun só carril por sentido, por moito que se empeñen en camuflalo co nome do proxecto, e que tiña que estar rematado hai moitos anos».

Tracking Pixel Contents