Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

MEDIO AMBIENTE

A veciñanza de Carballo reciclou 15.635 quilos de aceite no 2025

Unha acción que evitou a contaminación de 17 millóns de litros de auga

Colector de aceite ubicado na rúa Ponte, de Carballo.

Colector de aceite ubicado na rúa Ponte, de Carballo. / C. C.

Carballo

Os carballeses reciclaron en 2025 un total de 15.635 quilos de aceite (1.237 máis que no 2024), o que permitiu evitar a contaminación de 17.198.500 litros de auga. Ademais, unha vez transformado en biocarburante, o residuo recollido xerou un aforro de emisións de CO2 de 46,90 toneladas.

Actualmente, en Carballo hai 34 puntos de recollida en distintos barrios urbanos e en varias parroquias. Os contedores máis utilizados son os situados nas inmediacións dos supermercados e do mercado municipal, pero cada vez teñen máis uso tamén os situados na parroquias. De feito, no situado na Feira de Verdillo (Artes) recolléronse 675 quilos.

Unha das vantaxes do sistema de recollida é que os colectores están situados na vía pública, o que permite que poidan ser utilizados os 365 días as 24 horas. A recollida nos novos colectores vai dirixida aos fogares, xa que para grandes produtores hai un servizo específico.

As familias deben depositar o aceite de cociña usado en botellas de plástico reutilizadas e pechadas. Para facilitar o depósito, desde o Concello ofrecen á veciñanza funís adaptables que poden solicitarse, de balde e ata fin de existencias, no departamento de Medio Ambiente na casa consistorial.

Tracking Pixel Contents