Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

SORTEO

Os 7.300 euros do Centro Comercial Aberto de Carballo xa teñen dono

A urna da Globoteca recolleu máis de 95.000 boletos este Nadal

O alcalde carballés, Daniel Pérez, no centro, presidiu o sorteo dos premios.

O alcalde carballés, Daniel Pérez, no centro, presidiu o sorteo dos premios. / CCA Carballo

Carballo

O sorteo da Globoteca do Centro Comercial Aberto (CCA) de Carballo levou a alegría aos fogares de José Miguel Veiga Garrido (Malpica) e Vanesa Cabeza Barca (Carballo). Os afortunados recibirán cadanseu talonario con 73 cheques nominativos, cun valor de 50 € cada un, para gastar nos comercios participantes na campaña de Nadal nun prazo máximo de seis meses (ata o 9 de xullo).

O premio, valorado en 7.300 €, foi sorteado nun acto retransmitido en directo a través do Instagram do CCA e contou coa presenza do alcalde, Daniel Pérez; o concelleiro de Promoción Económica e Turismo, Xosé Regueira; o responsable de Feiras e Mercados, Ramón Varela; un representante da empresa carballesa Vázquez y Reino, patrocinadora da campaña; e varios membros da directiva do CCA, entre eles a presidenta Silvana Rama e o secretario Sergio Soneira.

Excelente acollida da campaña

Na urna depositáronse máis de 95.000 boletos ao longo de algo máis dun mes, "reflexo da excelente acollida da campaña e do apoio da cidadanía ao comercio local", subliñan dende o CCA. Entre elas, atopábanse tamén as papeletas recuperadas do incendio sufrido o pasado día 26, que afortunadamente afectou a unha pequena minoría.

Como en anos anteriores, a campaña contou coa adhesión dunha ampla variedade de comercios de diferentes sectores, como alimentación, moda infantil, calzado, téxtil, deporte, decoración e fogar, electrodomésticos, entre outros, reflectindo a diversidade e fortaleza do tecido comercial de Carballo.

Desde o CCA agradecen "a colaboración de todas as empresas participantes, destacando, de maneira especial, a implicación dos consumidores e consumidoras que, unha vez máis, apostaron polo comercio local para realizar as súas compras de Nadal, contribuíndo a manter viva a economía e a vida comercial da vila e posicionando a Carballo no epicentro da actividade comercial da comarca".

Tracking Pixel Contents